Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 35 - Biblia SEPT


Xacob en Betel

1 Deus díxolle a Xacob: —"Vai, sube a Betel, asenta alí e fai un altar ó Deus que se che apareceu, cando ías fuxindo de teu irmán Esaú".

2 Xacob mandoulles á súa familia e á toda a súa xente: —"Retirade os deuses alleos que teñades, purificádevos e mudádevos de roupa.

3 Imos subir a Betel, para levantar alí un altar ó Deus que me gardou cando eu andaba apurado, e que estivo comigo na viaxe que fixen".

4 A xente entregou a Xacob os deuses alleos que tiñan e os brincos que levaban nas orellas, e Xacob enterrounos debaixo do carballo que está onda Xequem.

5 En canto se puxeron de camiño, un medo de Deus invadiu todas as vilas do arredor, de xeito que ninguén perseguiu ós fillos de Xacob.

6 Xacob chegou a Luz, hoxe Betel, en terra de Canaán, e con el a súa xente.

7 Construíu alí un altar, e púxolle ó lugar o nome de Betel, porque se lle apareceu Deus alí, cando fuxía de seu irmán.

8 Daquela morreu Déborah, a ama de leite de Rebeca, e enterrárona por baixo de Betel, ó pé do carballo coñecido por carballo do pranto.


A promesa patriarcal

9 Deus aparecéuselle a Xacob, á volta de Padán-Aram, bendiciuno

10 e díxolle: —"O teu nome é Xacob. Pero non seguirás levando o nome de Xacob, senón o nome de Israel". E chamouno Israel.

11 Deus engadiu: —"Eu son o Deus todopoderoso. Ti reprodúcete e medra. De ti sairá un pobo, ou unha chea de pobos, e reis nacerán das túas entrañas.

12 A terra que eu lle dei a Abraham e a Isaac, doucha tamén a ti e daréillela ós teus descendentes".

13 Deus retirouse do lugar onde falara con Xacob.

14 Xacob erixiu unha estela de pedra no lugar onde Deus lle falara, verteu enriba dela unha libación e unxiuna con óleo.

15 E púxolle a aquel lugar onde Deus lle falou o nome de Betel.


Morte de Raquel

16 Xacob saíu coa súa xente de Betel, e cando lles faltaba un treito curto para chegaren a Efrátah, Raquel sentiu que ía dar a luz. O parto resultou moi traballoso.

17 Nos apuros do parto díxolle a parteira: —"Non teñas medo. Tes un neno".

18 E ela, saíndoselle a alma, pois estaba morrendo, púxolle ó neno o nome de Fillo da miña dor. Pero seu pai chamoulle Benxamín.

19 Raquel morreu, e enterrárona no camiño de Efrátah, que é Belén.

20 Enriba do seu sepulcro erixiu Xacob unha estela. É o monumento funerario de Raquel, que existe aínda hoxe.

21 Israel marchou de alí e montou as tendas máis alá de Migdal-Éder.


Os fillos de Xacob

22 Estando Israel naquela terra, achegouse Rubén a Bilhah, concubina de seu pai. A cousa chegou a oídos de Israel. Os fillos de Xacob foron doce.

23 De Lea tivo a Rubén o primoxénito, Simeón, Leví, Xudá, Isacar e Zebulón.

24 De Raquel tivo a Xosé e Benxamín.

25 De Bilhah, serva de Raquel, a Dan e Naftalí;

26 e de Zilpah, serva de Lea, a Gad e Axer. Estes son os fillos que tivo Xacob en Padán-Aram.


Morte de Isaac

27 Xacob chegou á casa de seu pai Isaac, en Mambré, en Quiriat-Arbá, hoxe Hebrón, onde viviran Abraham e Isaac.

28 Isaac viviu cento oitenta anos.

29 A esa idade expirou. Morreu e foise xuntar cos seus, vello e satisfeito de vivir. Enterrárono os seus fillos Esaú e Xacob.

Lean sinn:



Sanasan