Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 33 - Biblia SEPT


Encontro de Xacob con Esaú

1 Xacob ergueu os ollos e viu vir a Esaú con catrocentos homes. El repartiu os nenos entre Lea, Raquel e as dúas servas.

2 Puxo diante as dúas servas cos seus fillos, logo a Lea cos seus e detrás de todos a Raquel con Xosé.

3 El pasou diante de todos, e foise prostrando por terra sete veces. Ata que chegou onda o seu irmán.

4 Esaú correu ó seu encontro, apertouno, abrazóuselle ó pescozo e bicáronse chorando.

5 Logo Esaú ergueu os ollos e vendo as mulleres e os nenos, preguntou: —"Quen che son eses?" Xacob respondeulle: —"Son os fillos que Deus lle concedeu ó teu servo".

6 Adiantáronse cara a eles as servas cos seus fillos, e prostráronse no chan.

7 Despois achegouse Lea cos seus fillos, e prostrouse tamén. O cabo viñeron Xosé e Raquel, e tamén se prostraron.

8 Preguntou Esaú: —"Que pretendes con esa caravana que vin encontrando?" Respondeu el: —"Merecer o favor do meu señor".

9 Dixo Esaú: —"Teño abondo, irmán. Queda co que é teu".

10 Xacob insistiu: —"Non, meu señor. Se merezo o teu favor, acepta o meu regalo, pois o verte foi para min coma se vise o rostro de Deus. Acollíchesme con afecto.

11 Acepta eses bens que trouxen para ti, pois Deus favoreceume e teño abundancia de todo". Xacob insistiu tanto, que Esaú aceptou.

12 Logo dixo Esaú: —"Agora emprendamos a viaxe. Eu irei ó teu lado". Respondeulle Xacob:

13 —"O meu señor dáse conta de que os nenos son febles e que comigo van ovellas e vacas de cría. Se os obrigo de máis, morrerame nun só día o gando todo.

14 Que o meu señor pase diante do seu servo. Eu seguireino pouco a pouco. O paso da caravana que camiña en cabeza e ó paso dos nenos, ata que cheguemos a Seir, onda o meu señor". Esaú dixo:

15 —"Polo menos deixarei contigo uns poucos dos meus homes". Respondeulle Xacob: —"Para que? Chégame con saber que conto co favor do meu señor".

16 Esaú emprendeu a viaxe de volta para Seir,

17 e Xacob colleu o camiño de Succot. Alí fixo morada para si e cabanas para o gando. Por iso púxolle ó lugar o nome de Succot.

18 Desde Padán-Aram, Xacob chegou san e salvo a Xequem, no país de Canaán. Acampou fronte á cidade.

19 O sitio onde montou as súas tendas compróullelo por cen moedas ós fillos de Hamor, pai de Xequem.

20 Alí construíu un altar e invocou ó Deus de Israel.

Lean sinn:



Sanasan