Xénese 3 - Biblia SEPTA condición humana e a promesa 1 A serpe era o máis arteiro de todos os animais que o Señor Deus fixera. Díxolle á muller: —"Conque Deus vos prohibiu comer do froito das árbores do xardín?" 2 A muller respondeulle: —"Podemos comer do froito das árbores todas do xardín. 3 Soamente da árbore de alá no fondo nos mandou Deus: Non comades dela nin a toquedes, non sexa que morrades". 4 A serpe insistiu: —"De ningunha maneira morreredes. 5 É que Deus sabe ben que o día en que comades dela, se vos abrirán os ollos e seredes coma Deus, sabedores do ben e do mal". 6 A muller reparou que o froito da árbore era saboroso, atraente, e bo para adquirir entendemento. E coa mesma colleu do froito e comeu; logo deulle ó seu home, e tamén el comeu. 7 Entón abríronselles os ollos ós dous e decatáronse de que estaban espidos. Entrelazaron follas de figueira e cinguíronse con elas. 8 Oíron ó Señor Deus camiñar polo xardín ó aire do día, e acocháronse os dous entre as árbores. 9 Mais El chamou polo home, preguntándolle: —"Onde estás?" 10 Respondeu o home: —"Oínte no xardín, e tiven medo. O verme espido, agacheime". 11 Preguntoulle o Señor Deus: —"Quen che dixo que estabas espido? É que comiches da árbore da que che prohibira comer?" 12 Respondeulle o home: —"A muller que me deches por compañeira ofreceume do froito, e comín". 13 O Señor Deus díxolle á muller: —"Qué é o que fixeches?" E a muller respondeu: —"A serpe enganoume, e comín". 14 Entón o Señor Deus díxolle á serpe: —"Porque fixeches isto, maldita sexas entre os animais e as feras todas do monte. Andarás arrastrada e comerás po toda a túa vida. 15 Poño hostilidade entre ti e a muller, entre a túa liñaxe e a dela. Ti tentarás de atanguerlle o calcañar, pero ela esmagarache a cabeza". 16 A muller díxolle:"Terás moitos afáns na túa preñez, parirás con dor os fillos. Devecerás polo teu home, e el dominarate". 17 O home díxolle: —"Porque lle fixeches caso á túa muller, comendo do froito da árbore que che prohibira comer, por culpa túa será maldita a terra: con traballos tirarás dela a túa mantenza mentres vivas. 18 Producirache silvas e abrollos, e terás que comer herbas silvestres. 19 Comerar o pan coa túa suor, ata que volvas á terra da que fuches tirado. De feito, ti es po e ó po tes que volver". 20 O home chamou Eva á súa muller, pois vén ser a nai de todos os que viven. 21 O Señor Deus fíxolles túnicas de pel ó home e á muller, para se vestiren. 22 Logo o Señor pensou: —"Agora que o home veu ser coma un de nós, en canto a coñecer o ben e o mal, non vaia ser que tenda a man, colla tamén da árbore da vida, coma do froito, e viva sempre". 23 E botou ó home do xardín de Edén, para que cultivase a terra da que fora tirado. 24 E despois de botalo do xardín, puxo no oriente querubíns con espadas flamexantes, para cortarlle o paso cara á árbore da vida. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)