Xénese 29 - Biblia SEPTXacob na casa de Labán 1 Xacob púxose en camiño cara á terra dos orientais. 2 Nun campío viu un pozo e tres fatos de ovellas, deitadas ó pé del, pois no pozo abeberaban os rabaños. O pozo estaba cuberto por unha grande pedra. 3 Cando se xuntaban alí todos os rabaños, corrían a pedra que tapaba o pozo, abeberaban os rabaños e logo volvían a pedra ó sitio. 4 Xacob preguntoulles ós pastores: —"Irmáns, de onde sodes?" Respondéronlle eles: —"Somos de Harán". 5 E el seguiu: —"Coñecedes quizais a Labán, o fillo de Nahor?" Eles dixeron: —"Coñecemos". 6 El preguntoulles: —"Está ben de saúde?" Eles dixeron: —"Está ben. Alí chega a súa filla Raquel co seu rabaño". 7 Xacob dixo: —"Queda moito día por diante, e non son horas de recoller o gando aínda. Abeberádeo e levádeo a pacer". 8 Respondéronlle eles: —"Non podemos, ata que non se xunten todos os rabaños. Entón corremos a pedra que tapa a boca do pozo e tirámoslles a auga ás ovellas". 9 Estaba Xacob falando con eles, cando chegou Raquel coas ovellas de seu pai. Ela era a pastora. 10 En vendo Xacob a Raquel, filla de Labán seu parente, coas ovellas deste, botou a man á pedra que tapaba a boca do pozo e correuna 11 e abeberou as ovellas de Labán. Despois deulle un bico a Raquel e rompeu a chorar. 12 Xacob díxolle a Raquel que el era parente de seu pai e fillo de Rebeca. E ela foi correndo dicirllo a seu pai. 13 Cando Labán oíu as novas de Xacob, fillo de súa irmá, correu ó seu encontro, abrazouno, bicouno e levouno á casa. Xacob contoulle a Labán todo o que lle acontecera. 14 E Labán díxolle: —"Somos da mesma carne e do mesmo sangue". Xacob quedou con el por un mes. Casamento de Xacob 15 Labán faloulle a Xacob: —"Vasme servir de balde, por seres meu parente? Dime cal é o teu xornal". 16 Labán tiña dúas fillas, a máis vella chamábase Lea e a máis nova Raquel. 17 Lea era de ollos apagados, pero Raquel era fermosa e aposta. 18 Xacob quería a Raquel, e díxolle a Labán: —"Servireite sete anos por Raquel, a túa filla máis nova". 19 Respondeulle Labán: —"Mellor darcha a ti que non a un calquera. Fica, pois, comigo". 20 Xacob serviu sete anos por Raquel, e parecéronlle uns poucos días, de tanto que a quería. 21 O cabo deles díxolle a Labán: —"Dáme a miña muller, pois xa se cumpriu o tempo, e quero xuntarme con ela". 22 Labán reuniu os homes do lugar e ofreceu un xantar. 23 Chegada a noite, colleu a súa filla Lea, meteuna na tenda de Xacob, e este durmiu con ela. 24 Labán deulle a serva Zilpah á súa filla Lea. 25 Pola mañá decatouse Xacob de que era Lea, e díxolle a Labán: —"Que é isto que me fixeches? Non te servira por Raquel? Por que me enganaches?" 26 Respondeulle Labán: —"Onda nós non hai costume de dar a filla máis nova antes cá máis vella. 27 Deixa pasar outra semana e darémosche tamén a outra rapaza, polo servizo de sete anos máis". 28 Xacob deuno por bo e, ó cabo dunha semana, Labán entregoulle por muller a súa filla Raquel. 29 A Raquel deulle por criada a súa serva Bilhah. 30 Xacob levou tamén consigo a Raquel, e queríaa máis ca a Lea. E serviu a Labán por outros sete anos. Os fillos de Xacob 31 Visto que Lea era aborrecida, o Señor fixo fecundo o seu ventre, mentres Raquel era estéril. 32 Lea quedou embarazada e deu a luz un fillo, ó que puxo por nome Rubén, porque dicía: —"O Señor ollou para a miña aflición, e agora quererame o meu home". 33 Quedou de novo embarazada, deu a luz outro fillo e exclamou: —"O Señor oíu que era aborrecida e deume estoutro". E púxolle de nome Simeón. 34 Quedou aínda embarazada, pariu outro fillo e dixo: —"Agora o meu home apegarase a min, pois xa lle dei tres fillos". Por iso lle puxo o nome de Leví. 35 Quedou outra vez embarazada e deu a luz un cuarto fillo, e dixo: —"Arestora doulle as grazas ó Señor". Por iso lle puxo o nome de Xudá. E deixou de ter fillos. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)