Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 27 - Biblia SEPT


Isaac bendí a Xacob

1 Isaac fíxose vello e anubróuselle a vista. Entón chamou ó seu primoxénito Esaú: —"Fillo!" E el respondeulle: —"Aquí estou".

2 E o pai seguiu: —"Ti ves que xa vou vello e non sei cando morrerei.

3 Colle as túas armas, o arco e a alxaba, sae ó monte e cázame unha peza.

4 Guísaa como sabes que me gusta, e tráesma que a coma, pois quero darche a miña bendición antes de morrer".

5 Namentres Isaac dicía isto a seu fillo, Rebeca estábao escoitando. Esaú saíu ó monte, pola peza que lle cumpría

6 Entón díxolle Rebeca a seu fillo Xacob: —"Oín que teu pai falaba con teu irmán Esaú e que lle dicía:

7 —"Trae caza e prepárame un bo guiso. Comerei e bendicireite na presenza de Deus, antes de morrer.

8 Agora, fillo, atende ben ó que che mando.

9 Vas ó rabaño, tráesme dous bos cabuxos, e guisareillos a teu pai, do xeito que a el lle saben.

10 Ti levarasllos a teu pai, para que coma e che dea a súa bendición, antes de morrer".

11 Xacob díxolle a súa nai: —"Repara que meu irmán Esaú é peludo e que eu, en troques, son lampo.

12 Se meu pai me apalpase, descubriríame trampulleiro, e no lugar da bendición atraería sobre min a maldición".

13 Súa nai respondeulle: —"Que esa maldición, meu fillo, caia sobre min. Ti escóitame, vai e tráeme os cabuxos".

14 El foi, colleu os cabuxos e tróuxollos á nai. Ela preparou o guiso, do xeito que lle gustaba a seu pai.

15 Rebeca botou man da roupa do fillo maior, Esaú, a mellor que tiña na casa, e vestiulla a Xacob, o fillo máis novo.

16 Coas peles dos cabuxos cubriulle as mans e a parte lampa do pescozo.

17 E puxo nas mans de Xacob, seu fillo, o guiso que preparara e mais un anaco de pan.

18 Xacob entrou onda seu pai e saudou: —"Meu pai". El respondeu: —"Aquí estou. E ti, meu fillo, quen es?"

19 Xacob díxolle a seu pai: —"Eu son Esaú, o teu primoxénito. Fixen conforme me mandaches. Érguete, séntate e come da miña caza, para que me deas logo a túa bendición".

20 Isaac preguntoulle a seu fillo: —"Como a atopaches tan axiña, meu fillo?" El respondeulle: —"O Señor Deus púxoma diante".

21 Isaac díxolle a Xacob: —"Achégate, fillo, que te apalpe, para ver se es ou non meu fillo Esaú".

22 Xacob chegouse a Isaac. Este apalpouno, e dixo: —"A voz é a de Xacob, pero as mans son as de Esaú".

23 E non o recoñeceu, porque as súas mans eran peludas coma as de seu irmán. E bendiciuno.

24 Despois volveulle a preguntar: —"Es ti de verdade meu fillo Esaú?" El respondeulle: —"Son".

25 Isaac dixo: —"Sírveme, meu fillo, a comida, e logo dareiche a miña bendición". Xacob serviuno, e el comeu; tróuxolle viño e bebeu.

26 Despois díxolle Isaac: —"Achégate aquí e bícame, meu fillo".

27 E Xacob achegouse e bicouno. O sentir Isaac o recendo da roupa, deulle esta bendición: —"Sentide o recendo do meu fillo, coma recendo dun agro bendito polo Señor.

28 Deus che dea o orballo do ceo, a fartura da terra, abundancia de trigo e de viño.

29 Que te sirvan os pobos e te respecten as nacións. Se señor de teus irmáns e que te respecten os fillos de túa nai. Maldito o que te maldiga, bendito o que te bendiga".

30 En acabando Isaac de bendicir a Xacob, e este de saír de onda seu pai, chegou Esaú coa súa caza.

31 Preparou el tamén un guiso saboroso, levoullo a seu pai e díxolle: —"Érguete, meu pai, e come da caza do teu fillo, para que me deas logo a túa bendición".

32 O pai Isaac preguntoulle: —"Ti quen es?" El respondeulle: —"Son o teu primoxénito Esaú".

33 Isaac tremeu desde os pés á cabeza, e preguntou: —"Entón quen foi o que cazou a caza e ma trouxo? Eu comín xa a fartar, antes que ti chegases, bendicino e bendito quedará".

34 En oíndo Esaú as palabras de seu pai, bradou con asaño e acedume e díxolle a seu pai: —"Bendíceme, meu pai, tamén a min".

35 Díxolle el: —"Veu teu irmán con engano e marchou coa túa bendición".

36 Dixo Esaú: —"Por algo lle puxeron Xacob, pois xa me suplantou por dúas veces. Levoume a primoxenitura e agora arrampla coa miña bendición". E preguntou: —"Non che queda unha bendición tamén para min?"

37 Respondeulle Isaac: —"Fíxeno señor teu, deille por servos os irmáns, concedinlle trigo e viño, que podo facer por ti agora, meu fillo?"

38 Esaú díxolle a seu pai: —"É que non tes, meu pai, máis ca unha bendición? Bendíceme, meu pai, tamén a min". E rompeu a chorar a berros.

39 Isaac atendeuno e dixo: —"A túa morada estará lonxe da fartura da terra e do orballo do ceo.

40 Vivirás da túa espada e servirás a teu irmán. Pero virá un tempo e serás libre: Botarás o seu xugoj de enriba do teu pescozo".

41 Esaú quedou aborrecendo a Xacob por causa da bendición que lle dera seu pai. E pensaba: —"O tempo do loito por meu pai xa se aveciña. Entón matarei a meu irmán".

42 Faláronlle a Rebeca das intencións de Esaú, seu fillo maior, e mandou chamar ó fillo máis novo, a Xacob, para dicirlle: —"Mira que teu irmán pensa vingarse e matarte.

43 Faime, pois, caso, meu fillo. Ponte ó camiño e fuxe a Harán, onda meu irmán Labán.

44 Queda onda el por algún tempo, deica lle pase a teu irmán a carraxe,

45 deica se apague a súa ira contra ti e se esqueza do que lle fixeches. Xa mandarei eu buscarte. Por que tería que perder a un tempo os dous fillos?"

46 Rebeca díxolle a Isaac: —"Dóeme a alma, por culpa destas hititas. Se tamén Xacob toma muller de entre elas, de entre as fillas deste país, de que me serve aínda vivir?"

Lean sinn:



Sanasan