Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 26 - Biblia SEPT


Isaac e Abimélec

1 Houbo fame no país, como outrora en tempos de Abraham, e Isaac foi a Guerar, preto de Abimélec, rei dos filisteos.

2 O Señor aparecéuselle e díxolle: —"Non baixes a Exipto. Asenta na terra que eu che mostrarei.

3 Fai nesta terra a túa morada. Eu estarei contigo e bendicireite. A ti e ós teus descendentes dareivos esta terra, para manter o xuramento que fixen a teu pai Abraham.

4 Farei crecer os teus descendentes como as estrelas do ceo, dareilles toda esta terra e por eles chamaranse benditas as nacións todas do mundo;

5 todo porque Abraham me obedeceu, gardou a miña lei, os meus preceptos e as miñas instrucións".

6 Isaac asentou en Guerar.

7 A xente do lugar preguntáballe pola súa muller, e el respondía: —"É miña irmá". Tiña medo de confesar que era súa muller, pensando: —"Esta xente vaime matar por culpa de Rebeca". Porque era moi bela.

8 Cando levaban xa ben tempo no lugar, Abimélec, rei dos filisteos, ollou pola fiestra e viu a Isaac acariñando a Rebeca súa muller.

9 Entón fíxoo chamar para dicirlle: —"Conque é túa muller. Por que me dixeches que era túa irmá?" Isaac respondeulle: —"Porque pensei: Vanme matar por culpa dela".

10 Abimélec replicou: —"Por que nos fixeches isto? Se chega a deitarse alguén coa túa muller, faríasnos reos dun delito".

11 Abimélec advertiu a toda a súa xente: —"Se alguén lle toca a este home ou á súa muller, será reo de morte".


Prosperidade de Isaac

12 Isaac sementou o agro e recolleu naquela anada o cento por un. O Señor bendiciuno,

13 e o home foi medrando, ata se facer moi podente.

14 Tiña fatos de ovellas e de vacas e moitísimos criados. Os filisteos tíñanlle envexa,

15 e encheron de terra e cegaron os pozos que abriran os criados de seu pai Abraham.

16 Abimélec díxolle a Isaac: —"Marcha de onda nós, pois ti es moito máis forte".

17 Isaac marchou de alí, parou no val de Guerar e alí asentou.

18 Abriu de novo os pozos que foran xa cavados en vida de seu pai Abraham e que despois da súa morte cegaran os filisteos, e púxolles os mesmos nomes que lles puxera seu pai.

19 Os criados de Isaac cavaron tamén no torrente e deron cun manancial.

20 Os pastores de Guerar rifaron cos de Isaac dicindo: —"A auga é nosa". Por culpa desa discusión puxéronlle ó pozo o nome de Contenda.

21 Despois cavaron outro pozo e rifaron tamén por el. Chamáronlle, por iso, Inimizade.

22 Isaac foise de alí e fixo abrir outro pozo. Por este non houbo discusión, e púxolle Rehobot, pensando: —"Agora dános largueza o Señor para que prosperemos nesta terra".

23 De alí subiu Isaac ata Beerxeba.

24 Aquela mesma noite aparecéuselle o Señor e díxolle: —"Eu son o Deus de teu pai Abraham. Non teñas medo, pois eu estou contigo. Bendicireite e aumentarei a túa descendencia, por mor do meu servo Abraham".

25 Isaac construíu alí un altar e invocou o nome do Señor. Montou a súa tenda, e os seus criados abriron un pozo alí mesmo.


Pacto de Isaac con Abimélec

26 Abimélec chegouse onda Isaac desde Guerar, con Ahuzat o seu amigo e con Picol xefe da súa xente.

27 Isaac preguntoulles: —"A que vindes onda min, vós que me aborrecestes e me botastes da vosa compaña?"

28 Respondéronlle eles: —"Acabamos por ver que o Señor está contigo. Queremos que haxa entre nós un compromiso, que establezamos un pacto.

29 Ti non nos farás mal, como non te tocamos tampouco nós a ti. Tratámoste sempre ben e démosche unha boa despedida. E agora ti es o bendito do Señor".

30 Isaac preparoulles un xantar, e comeron e beberon.

31 Erguéronse de mañá e intercambiaron xuramentos. Despois Isaac despediunos, e eles fóronse en paz.

32 O mesmo día chegaron os criados de Isaac para o informaren do pozo que estaban abrindo; dixéronlle: —"Atopamos auga".

33 El púxolle o nome de Xeba. De aí o nome da cidade de Beerxeba ata hoxe.


As mulleres de Esaú

34 Cando Esaú tiña corenta anos, tomou por mulleres a Xudit, filla de Beerí o hitita, e a Basmat, filla de Elón, tamén hitita.

35 Foron razón de tristura para Isaac e para Rebeca.

Lean sinn:



Sanasan