Xénese 23 - Biblia SEPTO sepulcro dos patriarcas 1 Sara viviu cento vinte e sete anos. Eses foron por xunto os anos da súa vida. 2 Morreu en Quiriat-Arbah, hoxe Hebrón, no país de Canaán. Abraham fixo o velorio e chorou pola súa muller. 3 Logo ergueuse de onda a defunta e foi falar cos fillos de Het: 4 —"Eu son un forasteiro, que reside entre vós. Dádeme aquí un sepulcro en propiedade, para enterrar nel á miña finada". 5 Os fillos de Het respondéronlle: 6 —"Escóitanos, señor: ti es para nós un príncipe de Deus. Enterra a túa finada no mellor dos nosos sepulcros. Ninguén de entre nós che negaría o seu sepulcro para que a enterres nel". 7 Pero Abraham foi e prostrouse diante dos fillos de Het, os paisanos daquela terra, 8 e faloulles así: "Se estades de acordo en que eu enterre a miña defunta, escoitádeme e valede por min diante de Efrón, fillo de Soar, 9 para que me venda a cova de Macpelah, que está na beira do seu eido. Que polo seu debido prezo ma dea, diante de vós, para sepulcro en propiedade". 10 Efrón o hitita atopábase entre os fillos de Het, e respondeulle a Abraham, de xeito que o oísen os fillos de Het e todos os que entraban polas portas da cidade: 11 —"Non, meu señor. Escoita: douche para ti o eido, coa cova que hai nel. Douchos á vista do meu pobo. Enterra nel a túa morta". 12 Abraham prostrouse outra vez diante da xente do país, 13 e díxolle a Efrón, de xeito que todos o oísen: —"Se che parece, escóitame agora ti a min. Eu págoche o prezo do eido. Acéptamo, e enterrarei nel a miña morta". 14 Efrón respondeulle a Abraham: 15 —"Escóitame, señor meu: o valor do terreo é de catrocentos siclos de prata. Que é iso entre nós? Enterra a túa morta". 16 Abraham colleu a Efrón pola palabra e, á vista dos fillos de Het, pesou os catrocentos siclos de prata de que falara Efrón, en moeda corrente, e pagoullos. 17 Desa maneira o eido de Efrón, en Macpelah enfronte de Mambré, o agro coa cova e coas árbores de dentro dos lindeiros que o rodean, 18 pasaron a ser propiedade Abraham, á vista dos fillos de Het e de todos os que entraban polas portas da cidade. 19 Abraham enterrou a Sara, súa muller, na cova de Macpelah, enfronte de Mambré, hoxe Hebrón, no país de Canaán. 20 Os fillos de Het traspasáranlle o eido de Macpelah coa súa cova a Abraham para sepulcro en propiedade. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)