Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 22 - Biblia SEPT


O sacrificio de Isaac

1 Despois destes feitos, Deus puxo á proba a Abraham, chamándoo: —"Abraham!" El respondeu: —"Aquí estou".

2 Deus mandoulle: —"Colle o teu fillo, o único que tes e que tanto queres, Isaac, e vaite ó país de Moriah. Alí ofrecerasmo en sacrificio, no cimo dunha das montañas que eu che mostrarei".

3 Abraham ergueuse cedo, aparellou o burro e tomou consigo dous criados e mais o seu fillo Isaac. Coa leña cortada para o sacrificio, púxose ó camiño en dirección do lugar que Deus lle indicara.

4 O terceiro día Abraham ergueu os ollos e viu o sitio desde lonxe.

5 Abraham díxolles ós criados: —"Esperade aquí co burro. Eu e mais o rapaz chegarémonos ata alá. Adoraremos e de seguida volveremos onda vós".

6 Abraham colleu a leña do sacrificio e púxolla a Isaac, seu fillo, ás costas. Tomou na man o lume e o coitelo, e camiñaban os dous xuntos.

7 Isaac díxolle a seu pai: —"Meu pai!" El respondeu: —"Que queres, fillo?" O rapaz dixo: —"Levamos lume e leña. Pero onde está o año para o sacrificio?"

8 Abraham respondeulle: —"Meu fillo, o año Deus o proverá". E camiñaban os dous xuntos.

9 Chegados ó lugar que Deus dixera, Abraham construíu un altar, puxo enriba del a leña, atou o seu fillo Isaac e deitouno no altar, por enriba da leña.

10 Despois tendeu a man e agarrou o coitelo para sacrificar o seu fillo.

11 Mais o anxo do Señor chamou desde o ceo: —"Abraham! Abraham!" El respondeu: —"Aquí estou".

12 O anxo dixo: —"Non poñas a man no rapaz nin lle fagas mal ningún. Agora dei comprobado que tes temor de Deus, pois non me negaches o teu fillo, o único que tes".

13 Abraham ergueu os ollos e viu un carneiro atrapado nunha silveira polos cornos. Botou man del e ofreceuno en sacrificio, no posto do seu fillo.

14 Abraham púxolle ó lugar o nome de Moriah. Por iso aínda hoxe se di: —"Na montaña o Señor proverá".


Renovación da promesa

15 O anxo do Señor chamou a Abraham outra vez desde o ceo:

16 —"Xúroche por min mesmo —palabra do Señor— que por faceres isto e non me negares o teu fillo, o único que tes,

17 bendicireite e farei crecer os teus descendentes coma as estrelas do ceo e as areas do mar. Os teus descendentes herdarán as cidades dos inimigos.

18 Todos os pobos da terra terán bendición na túa descendencia, por me teres ti obedecido".

19 Abraham volveu onda os criados, e todos xuntos colleron o camiño de Beerxeba. Abraham asentou alí.


A familia de Nahor

20 Pasado algún tempo, dixéronlle a Abraham: —"Tamén Milcah lle deu fillos a Nahor, teu irmán.

21 Deulle a Us, o primoxénito, despois a Buz, seu irmán, e a Quemuel, pai de Aram;

22 os outros logo foron Quésed, Hazó, Pildax, Idlaf e Betuel".

23 Betuel foi pai de Rebeca. Estes son os oito fillos que Milcah lle deu a Nahor, irmán de Abraham.

24 Unha concubina chamada Reumah deulle, ademais, a Tebah, a Gaham, a Tahax e a Maacah.

Lean sinn:



Sanasan