Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 21 - Biblia SEPT


Nacemento de Isaac

1 O Señor fixouse en Sara, como o tiña dito, e cumpriu con ela a súa promesa.

2 Ela concibiu e deulle un fillo a Abraham na súa vellez, no tempo que Deus fixara.

3 Abraham púxolle a ese fillo que lle naceu de Sara o nome de Isaac.

4 Cando cumpriu oito días, Abraham circuncidou a Isaac, conforme Deus lle mandara.

5 Abraham tiña cen anos cando lle naceu Isaac.

6 Sara dixo daquela: —"Deus fíxome rir de contenta, e todos os que o oian, rirán coma min".

7 E engadiu: —"Quen lle ía dicir a Abraham que Sara criaría un fillo! E agora deullo na vellez".

8 Medrou o neno, e destetárono. O día que destetaron a Isaac, Abraham deu un xantar.


Hagar e Ismael

9 Viu Sara o fillo que a exipcia Hagar lle dera a Abraham xogando con Isaac,

10 e díxolle a Abraham: —"Bota fóra esa escrava con seu fillo, pois o fillo desa escrava non herdará con meu fillo Isaac".

11 A cousa doeulle a Abraham, pois tratábase de seu fillo.

12 Pero Deus díxolle: —"Non teñas dó do neno nin da escrava. Fai o que Sara che di, pois por Isaac pasará o teu nome á tua descendencia.

13 Tamén do fillo da escrava farei unha gran nación, por ser semente túa".

14 Abraham ergueuse cedo, colleu pan e un fol de auga, púxollos ás costas a Hagar, xunto co fillo, e despediuna. Ela marchou e andou errante polo deserto de Beerxeba.

15 Cando se lle acabou a auga do fol, botou o neno ó pé dun mato,

16 e foise sentar soa máis alá, como á distancia dun tiro de arco, pensando para si: —"Non quero ver morrer o neno". E alí laiouse e chorou.

17 Oíu Deus os berros do neno, e o anxo chamou desde o ceo a Hagar para dicirlle: —"Que che pasa, Hagar? Non teñas medo, pois Deus escoitou os berros do neno alí onde está.

18 Érguete, colle o neno, agárrao forte da man. Del farei unha gran nación".

19 Deus abriulle os ollos, e ela viu un pozo de auga. Foi alá, encheu o fol e deulle ó neno de beber.

20 Deus estaba co rapaz, e este medraba. Asentou no deserto e chegou a ser un bo arqueiro.

21 Vivía no deserto de Parán, e súa nai buscou unha muller exipcia para el.


Pacto entre Abraham e Abimélec

22 Daquela Abimélec e Picol, xefe da súa xente, dixéronlle a Abraham: —"Deus está contigo en todo o que fas.

23 Xúrame, pois, por Deus aquí mesmo que non nos enganarás, nin a min, nin ós meus fillos, nin ós meus descendentes, senón que coa consideración con que eu te tratei a ti, hasme tratar ti a min e a esta terra á que viñeches".

24 Abraham respondeu: —"Así o xuro".

25 Pero, coa mesma, reprendeu a Abimélec por causa do pozo que os servos deste lle usurparon.

26 Abimélec retrucou: —"Non sei quen o puido facer. Nin ti me dixeches nada, nin eu oín falar diso ata hoxe".

27 Abraham colleu ovellas e vacas, e deullas a Abimélec. E concordaron un pacto entre os dous.

28 Abraham separou sete cordeiras do fato,

29 e Abimélec preguntoulle: —"Que queren dicir esas sete cordeiras que apartas?"

30 El respondeulle: —"Ti recibes da miña man sete cordeiras: que me sirvan de proba de que eu cavei este pozo".

31 Por iso púxolle a aquel lugar o nome de Beerxeba, porque alí xuraron os dous.

32 Cando concluíron o pacto en Beerxeba, Abimélec e Picol, xefe da súa xente, volveron para o país dos Filisteos.

33 Abraham plantou un tamarindo en Beerxeba e invocou o nome do Señor, o Deus eterno.

34 Abraham residiu no país dos Filisteos moitos anos.

Lean sinn:



Sanasan