Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 2 - Biblia SEPT

1 Quedaron así rematados o ceo e a terra e todos os elementos.

2 Deus concluíu no día sexto a obra que emprendera, e o sétimo día repousou de todo o seu traballo.

3 Deus bendiciu o sétimo día e consagrouno: nese día repousou de todo o traballo de crear.

4 Esta é a historia da creación do ceo e da terra. Cando o Señor Deus fixo a terra e o ceo,


O home no xardín

5 na terra non había aínda ramallada nin xermolaba herba no campo, porque o Señor Deus non fixera chover sobre a terra nin existía o home que traballase o agro.

6 Da terra xurdía un manancial que regaba o campo,

7 e o Señor Deus formou un home do po da terra, soproulle no nariz o alento da vida e tornouse o home persoa viva.

8 O Señor Deus plantou un xardín en Edén, cara a oriente, e puxo nel ó home que formara.

9 Fixo xermolar da terra árbores fermosas para a vista e boas para comer, e entre elas a árbore da vida e a árbore do coñecemento do ben e do mal.

10 En Edén nacía un río que regaba o xardín e de alí ía partirse en catro brazos.

11 O primeiro chamábase Pisón: percorre o país de Havilá, onde se acha ouro;

12 o ouro deste país é de calidade, e alí hai tamén ámbar e ónix.

13 O segundo chamábase Guihón e percorre o país de Cux.

14 O terceiro é o Tigris, que corre ó oriente de Asiria, e o cuarto é o Éufrates.

15 O Señor Deus estableceu o home no xardín de Edén, para que o traballase e o coidase.

16 E deulle esta orde: —"Podes comer do froito das árbores todas do xardín

17 pero da árbore do coñecemento do ben e do mal non comerás, pois en canto comas dela de certo morrerás".


A parella home — muller

18 O Señor Deus pensou: —"Non está ben o home só. Vou facer para el unha axuda ó seu xeito".

19 O Señor Deus formou de terra as feras do monte e os paxaros do ceo, e presentoullos ó home, para ver que nomes lles puña. Cada ser vivo levaría o nome que o home lle puxese.

20 O home púxolles nomes ós animais domésticos, ós paxaros do ceo e ás feras do monte. Pero entre eles non había unha axuda ó seu xeito.

21 Entón infundiu o Señor Deus un sono profundo no home, e este adormeceu. Tiroulle unha costela e cerrou con carne o sitio.

22 Da costela do home formou unha muller e presentoulla ó home.

23 O home exclamou: —"Agora esta é coma min, o mesmo óso, a mesma carne. Chamarase muller, porque foi tirada do home".

24 Por iso deixa o home seu pai e súa nai para xuntarse coa súa muller e faceren un mesmo corpo.

25 Estaban os dous espidos, o home e a muller, pero non sentían vergoña.

Lean sinn:



Sanasan