Xénese 17 - Biblia SEPTAlianza de Deus con Abraham 1 Abram tiña noventa e nove anos, cando se lle apareceu o Señor para lle dicir: —"Eu son o Deus Xadai. Camiña de acordo comigo e se perfecto. 2 Eu establezo entre nós os dous unha alianza. Fareite crecer moito". 3 Abram prostrouse por terra, e Deus díxolle: 4 —"Esta é a alianza que eu fago contigo: Serás pai de moitos pobos. 5 Non te seguirás chamando Abram; o teu nome será Abraham, porque te fago pai de moitos pobos. 6 Dareiche fecundidade, sacarei de ti nacións, de ti sairán reis. 7 Establezo a miña alianza, alianza perpetua, contigo e cos teus descendentes, polas xeracións vindeiras. Eu serei o teu Deus e o dos teus descendentes. 8 Dareiche a ti e a eles, en posesión perpetua, a terra onde habitas, o país de Canaán. Eu serei o teu Deus". A circuncisión 9 Deus díxolle a Abraham: —"Gardarás a miña alianza, ti e mais os teus descendentes, polas xeracións vindeiras. 10 Esta é a alianza que eu fago contigo e cos teus descendentes, e que habedes de gardar: 11 Circuncidade a pel do prepucio, en sinal de alianza entre nós. 12 Os oito días de nacer, circuncidade todos os varóns, unha xeración tras outra, o mesmo os nacidos na casa, coma os forasteiros adquiridos por diñeiro, que non son descendentes teus. 13 Circuncidade os nacidos na casa e os adquiridos por diñeiro, e a miña alianza estará no voso corpo como alianza perpetua. 14 O varón non circuncidado, coa pel do prepucio sen cortar, será el cortado do seu pobo, pois viola a miña alianza". Un fillo de Sara 15 O Señor díxolle a Abraham: —"A túa muller non seguirá chamándose Sarai. O seu nome é Sara. 16 Bendicireina e dareiche un fillo dela; bendicireina e será nai de nacións, nacerán dela reis de pobos". 17 Abraham prostrouse por terra e sorriu, pensando para si: —"Un home de cen anos terá un fillo, e Sara ós seus noventa parirá!" 18 E suplicoulle a Deus: —"Oxalá deixes vivir a Ismael!" 19 Deus respondeulle: —"Non; Sara, a túa muller, darache un fillo, e poraslle o nome de Isaac. Con el e cos seus descendentes vindeiros establezo unha alianza, alianza perpetua. 20 En canto a Ismael, tamén te escoitarei. Bendicireino, dareille fecundidade e fareino crecer moito. Xerará doce príncipes e convertereino nun gran pobo. 21 Pero a miña alianza establecereina con Isaac, o fillo que che dará Sara de hoxe nun ano". 22 En acabando de falar, Deus foise de onda Abraham. 23 Abraham colleu o seu fillo Ismael, os servos todos nacidos na súa casa e os adquiridos por diñeiro, todo varón da súa casa, e circuncidou ese mesmo día a pel dos seus prepucios, conforme Deus lle mandara. 24 Abraham tiña noventa e nove anos cando circuncidou a pel do seu prepucio, 25 e Ismael tiña trece. 26 No mesmo día circuncidouse Abraham e seu fillo Ismael. 27 Con eles circuncidáronse tamén todos os varóns da súa casa, o mesmo os nacidos nela coma os adquiridos por diñeiro. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)