Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 16 - Biblia SEPT


Hagar e Ismael

1 Sarai, muller de Abram, non podía ter fillos. Pero tiña unha serva exipcia, Hagar de nome,

2 e díxolle a Abram: —"Xa ves que o Señor non me deixa ter fillos. Achégate á miña serva, a ver se por ela teño un fillo". Abram fixo caso da proposta de Sarai.

3 Os dez anos de habitaren en Canaán, Sarai, muller de Abram, colleu a súa serva exipcia Hagar e deulla como muller ó seu home Abram.

4 Abram achegouse a Hagar, e esta quedou embarazada. O ver que concibira, perdeulle o respecto á súa ama.

5 Entón díxolle Sarai a Abram: —"Esta inxuria recae sobre ti. Puxen a serva nos teus brazos e, embarazada, pérdeme o respecto. Que xulgue o Señor entre nós os dous".

6 Abram respondeulle a Sarai: —"Ter a túa serva nas túas mans. Fai con ela o que che pareza". Entón Sarai maltratábaa, e ela escapou da casa.

7 Encontrouna o anxo do Señor onda unha fonte no deserto, a que está no camiño do Sur,

8 e díxolle: —"Hagar, serva de Sarai, de onde vés e para onde vas?" E ela respondeu: —"Estou fuxindo de Sarai, a miña ama".

9 O anxo mandoulle entón: —"Volve onda a túa señora e sométete á súa autoridade".

10 E engadiu: —"Dareiche tantos descendentes, que non se poderán contar".

11 E díxolle aínda: —"Ves que estás embarazada. Terás un fillo e chamaraslle Ismael, xa que o Señor escoitou a túa aflición.

12 Será un onagro entre os homes. A súa man erguerase contra todos e a man de todos contra el; habitará á parte, fronte a todos os irmáns".

13 Hagar púxolle un nome ó Señor que lle falara: —"Ti es o Deus da miña visión". Pois razoaba para si: —"Non vin eu tamén aquí a quen me ve?"

14 Por iso chámase aquel pozo, pozo de Lahai-Roí. Está entre Cadex e Bered.

15 Hagar deulle a Abram o fillo que concibira, e este púxolle o nome de Ismael.

16 Abram tiña oitenta e seis anos cando Hagar lle deu a Ismael.

Lean sinn:



Sanasan