Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 14 - Biblia SEPT


Invasión dos reis de oriente

1 Amrafel rei de Xinar, Arioc rei de Elasar, Codorlaomer rei de Elam e Tidal rei de Goim

2 emprenderon guerra contra Bera rei de Sodoma, Birxá rei de Gomorra, Xinab rei de Ademah, Xeméber rei de Seboim e o rei de Bela que é Soar.

3 Os últimos xuntáronse no val de Sidim que é o mar Morto.

4 Levaban doce anos pagando tributo a Codorlaomer, pero no décimo terceiro revoltáronse.

5 O ano décimo cuarto veu Codorlaomer cos reis aliados seus e derrotaron ós refaítas en Axterot Carnaim, ós zuritas en Ham, ós emitas no val de Quiriataim

6 e ós hurritas nos montes de Seir, ata El-Parán, á beira do deserto.

7 Logo deron volta e chegaron a Ein-Mixpat que é Cadex, e arrasaron ós amalecitas en todo o seu territorio e ós amorreos que habitaban en Hasesón-Tamar.

8 Entón saíron os reis de Sodoma, de Gomorra, de Ademah, de Seboim e de Bela que é Soar, e presentaron batalla no val de Sidim

9 contra Codorlaomer rei de Elam, Tidal rei de Goim, Amrafel rei de Xinar e Arioc rei de Elasar. Catro reis contra cinco.

10 O val está acugulado de pozos de betume. Os reis de Sodoma e de Gomorra caeron neles e os outros fuxiron á montaña.

11 Os inimigos repañaron os bens e as provisións todas de Sodoma e de Gomorra, e fóronse con elas.

12 O marcharen, levaron tamén consigo a Lot, sobriño de Abram, que habitaba en Sodoma, e as súas posesións.


Abraham envolto na loita

13 Chegou un fuxitivo e contoulle todo a Abram o hebreo, que habitaba na carballeira de Mambré o amorreo, parente de Excol e de Aner, aliados de Abram.

14 Cando este oíu que o seu sobriño estaba preso, mobilizou trescentos dezaoito dos seus criados adestrados, nacidos na súa casa, e perseguiu os inimigos ata Dan.

15 Dispuxo contra eles os seus homes, e de noite botouse enriba deles e mallounos. Logo perseguiunos ata Hoba, ó norte de Damasco

16 e recobrou todos os bens, e tamén a Lot seu sobriño, coas súas posesións, as súas mulleres e toda a súa xente.


Abraham e Melquisédec

17 Cando Abram tornaba de derrotar a Codorlaomer e ós seus aliados, saíu ó seu encontro o rei de Sodoma, no val de Xaveh, que é o val do rei.

18 Melquisédec, rei de Salem, sacerdote do Deus Altísimo, sacou pan e viño

19 e bendiciu a Abram con estas palabras: —"Bendito sexa Abram polo Deus Altísimo, que fixo ceo e terra.

20 Bendito sexa o Deus Altísimo, que puxo os teus inimigos na túa man". Abram deulle a Melquisédec o décimo de toda a súa presa.

21 O rei de Sodoma díxolle a Abram: —"Dáme os homes, e garda para ti as posesións".

22 Pero Abram respondeulle: —"Xuro polo Señor, o Deus Altísimo, que fixo ceo e terra,

23 que non collerei nada teu, nin un fío nin o amalló dunha sandalia, para que non poidas dicir: Enriquecín a Abram.

24 Poñéndome a min fóra da conta, soamente acepto o que comeron os meus servos e o que lles corresponde ós que me acompañaron, Aner, Excol e Mambré. Eles, que collan o que é seu".

Lean sinn:



Sanasan