Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 13 - Biblia SEPT


Abraham e Lot

1 Abram subiu de Exipto cara ó Négueb, coa muller e coas súas posesións, e levando consigo a Lot.

2 Abram era moi rico en gandos, en prata e en ouro.

3 Desde o Négueb seguiu por treitos camiño de Betel, onde fixera en tempos a súa tenda, entre Betel e Ai.

4 Era o mesmo lugar onde construíra anteriormente un altar e invocara o nome do Señor.

5 Lot ía con Abram e era tamén rico en rabaños, en gandos e en tendas.

6 A terra onde estaban non chegaba para habitaren xuntos. A moita facenda xa non llelo consentía,

7 de xeito que xurdían agarradas entre os pastores de Abram e os de Lot. Daquela habitaban no país os cananeos e os perizitas.

8 Abram díxolle entón a Lot: —"Que non haxa liortas entre nós e entre os nosos pastores, pois nós somos irmáns.

9 Tes diante de ti o país enteiro; sepárate de min. Se ti colles á esquerda, eu collerei á dereita; se ti á dereita, eu á esquerda".

10 Lot levantou os ollos e reparou na veiga do Xordán, toda ela regada. (Isto era antes de que Deus destruíra Sodoma e Gomorra). Ata chegar a Soar era o mesmo ca un xardín do Señor, coma a terra de Exipto.

11 Lot escolleu para si a veiga do Xordán e dirixiuse cara ó oriente, separándose de Abram.

12 Abram asentou en Canaán e Lot nas cidades da veiga do Xordán, chegando coa tenda a Sodoma.

13 As xentes de Sodoma eran ruíns e moi pecadoras á vista do Señor.


A terra prometida

14 Despois de que Lot se separou del, o Señor díxolle a Abram: —"Desde o lugar onde estás ergue os ollos e mira cara ó norte e cara ó sur, cara ó nacente e cara ó poñente.

15 A terra toda que ves, dareicha a ti e ós teus descendentes para sempre.

16 Multiplicarei os teus descendentes coma o po. Se alguén contase o po, poderíaos contar a eles.

17 Anda, percorre a terra ó longo e ó ancho, pois voucha dar para ti".

18 Abram levantou a tenda e foise establecer na carballeira de Mambré, onda Hebrón. Alí construíu un altar ó Señor.

Lean sinn:



Sanasan