Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 12 - Biblia SEPT


Vocación de Abraham

1 O Señor díxolle a Abram: —"Vaite da túa terra, da túa patria, do teu clan, á terra que eu che mostrarei.

2 Eu farei de ti un pobo grande, bendicireite e dareiche un nome de sona, que será exemplo de bendición.

3 Bendicirei a quen te bendiga, maldicirei a quen te maldiga. Os pobos todos da terra chamaranse benditos no teu nome".

4 Abram púxose ó camiño, conforme lle dixera o Señor; e con el foi Lot. Abram tiña setenta e cinco anos cando saíu de Harán.

5 Levaba consigo a Sarai, súa muller, ó seu sobriño Lot e todas as posesións e mais os criados que adquirira en Harán. Saíron na dirección do país de Canaán, e chegaron alá.

6 Abram percorreu o país ata o lugar santo de Xequem e a aciñeira de Moré. Daquela habitaban no país os cananeos.

7 O Señor aparecéuselle a Abram para dicirlle: —"Os teus descendentes dareilles esta terra". Abram erixiu alí mesmo un altar ó Señor que se lle aparecera.

8 Logo seguiu pola montaña, ó oriente de Betel, e plantou a súa tenda entre Betel ó poñente e Ai ó nacente. Alí construíu un altar ó Señor e invocouno polo nome.

9 Despois seguiu por xornadas o camiño cara ó sur.


Abraham en Exipto

10 Houbo fame no país, e Abram baixou a Exipto, coa idea de quedar alí, mentres a fame seguise apretando.

11 Cando xa estaban chegando a Exipto, Abram díxolle a Sarai, súa muller: —"Estou pensando na túa fermosura.

12 Os exipcios, en véndote, dirán: —É a súa muller. Entón a min mataranme e a ti gardarante viva.

13 Dilles que es miña irmá, para que por mor de ti me traten a min ben e grazas a ti salve a vida".

14 Cando Abram chegou a Exipto, os exipcios repararon en que a súa muller era moi bela.

15 Vírona tamén os cortesáns e gabáronlla ó faraón, de xeito que a muller foi levada ó pazo.

16 A Abram foille ben por conta dela. Adquiriu rabaños, gandos, asnos, servos, servas, asnas e camelos.

17 Mais o Señor inflixiulles ó faraón e á súa corte grandes pragas, por causa de Sarai, muller de Abram.

18 Entón chamou o faraón a Abram para lle dicir: —"Que fixeches comigo? Por que non me aclaraches que era a túa muller?

19 Por que me dixeches que era túa irmá, deixándome que a tomase por muller? Agora aí tes a túa muller. Cóllea e vaite".

20 E o faraón deu ordes ós seus homes para que despedisen a Abram coa muller e con todo o que tiña.

Lean sinn:



Sanasan