Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Xénese 11 - Biblia SEPT


Babel

1 Toda a terra falaba unha soa lingua e usaba as mesmas palabras.

2 O emigraren os homes desde o oriente, encontráronse nunha chaira, no país de Xinar, e establecéronse alí.

3 Dixéronse uns ós outros: —"Imos facer ladrillos e cocelos no lume". O ladrillo facíalles de pedra e o betume de cemento.

4 E nisto propuxeron: —"Imos construír unha cidade e unha torre, que chegue co cimo ata o ceo, e fagámonos un nome de sona, para non nos perder pola ancha face da terra".

5 Baixou o Señor para ver a cidade e a torre que os homes construían, e pensou:

6 —"Aquí hai un pobo unido que fala a mesma lingua. Se empeza facendo isto, ninguén podería privalos desde agora de faceren o que se lles veña á cabeza.

7 Baixemos e embarullemos alí mesmo a súa lingua, de xeito que non se entendan uns cos outros".

8 O Señor espallounos de alí por toda a terra, e deixaron de construír a cidade.

9 A esta chamóuselle Babel, porque alí embarullou o Señor a lingua de todo o mundo. Desde alí espallounos por toda a face da terra.


Descendentes de Sem

10 Táboa dos descendentes de Sem. Sem tiña cen anos cando xerou a Arfaxad, dous anos despois do diluvio.

11 Despois diso viviu cincocentos anos, e tivo outros fillos e fillas.

12 Arfaxad tiña trinta e cinco anos cando xerou a Xélah.

13 Despois viviu catrocentos anos máis, e tivo outros fillos e fillas.

14 Xélah tiña trinta anos cando xerou a Héber.

15 Despois viviu catrocentos anos máis, e tivo outros fillos e fillas.

16 Héber tiña trinta e catro anos cando xerou a Péleg.

17 Despois viviu aínda catrocentos trinta anos, e tivo outros fillos e fillas.

18 Péleg tiña trinta anos cando xerou a Reú.

19 Despois viviu douscentos nove anos, e tivo outros fillos e fillas.

20 Reú tiña trinta e dous anos cando xerou a Serug.

21 Despois viviu douscentos sete anos, e tivo outros fillos e fillas.

22 Serug tiña trinta anos cando xerou a Nahor.

23 Despois viviu douscentos anos máis, e tivo outros fillos e fillas.

24 Nahor tiña vinte e nove anos cando xerou a Térah.

25 Despois viviu cento dezanove anos máis, e tivo outros fillos e fillas.

26 Térah tiña setenta anos cando xerou a Abram, a Nahor e a Harán.

27 Descendentes de Térah: Térah xerou a Abram, a Nahor e a Harán. Harán xerou a Lot.

28 Harán morreu en vida de seu pai, na súa terra de nacemento, en Ur dos caldeos.

29 Abram e Nahor casaron. A muller de Abram chamábase Sarai e a de Nahor, Milcah, filla de Harán, o pai de Milcah e de Iscah.

30 Sarai era estéril e non tiña fillos.

31 Térah colleu a seu fillo Abram, ó seu neto Lot, fillo de Harán, e a súa nora Sarai, muller de seu fillo Abram, e saíu con eles de Ur dos Caldeos, para dirixirse ó país de Canaán. Chegados a Harán, establecéronse alí.

32 Térah viviu douscentos cinco anos e morreu en Harán.

Lean sinn:



Sanasan