Xénese 1 - Biblia SEPTA creación 1 No principio creou Deus o ceo e a terra. 2 A terra era unha masa informe e baldeira, as tebras cubrían o abismo e un vento poderoso axitaba as augas. 3 Mandou Deus que houbese luz, e houbo luz. 4 Viu Deus que a luz era cousa boa e arredouna das tebras. 5 A luz chamouna día e ás tebras chamounas noite. E con iso completouse o primeiro día da semana. 6 Quixo Deus que houbese un espazo para arredar as augas das augas. 7 E fixo un espazo, que arredaba as augas de enriba das de embaixo. 8 O espazo rematado Deus chamouno ceo. E completouse o segundo día. 9 Mandou Deus que se xuntasen as augas de embaixo nun lugar e que aparecese o chan enxoito. E así foi. 10 O chan enxoito chamouno terra e ás augas xuntas, mares. E viu que estaba ben. 11 Mandou Deus que a terra xermolase herba verde, plantas coa súa semente e árbores que desen froitos, cada unha coa súa semente, conforme á súa especie. E así foi. 12 A terra xermolou herba verde, plantas coa súa semente, árbores que daban froito, cada unha coa súa semente. E viu Deus que estaba ben. 13 E completouse o terceiro día. 14 Mandou Deus que houbese luces no espazo para distinguir o día da noite, para dar sinal das festas, das estacións e dos anos, 15 e para que, brillando no espazo, alumasen a terra. E así foi. 16 Deus fixo dúas luminarias, a grande que rexe o día, a pequena que rexe a noite, e tamén as estrelas. 17 Púxoas no espazo, para alumar a terra, 18 para rexer o día e a noite e para distinguir a luz das tebras. E viu que estaba ben. 19 E completouse o cuarto día. 20 Quixo Deus que as augas fosen un fervedoiro de peixes e o espazo entre o ceo e a terra un voar de paxaros. 21 E creou os monstros mariños, os moitos xéneros de peixes que referven nas augas e todas as sortes de paxaros. E parecéronlle ben. 22 E bendiciunos deste xeito: Reproducídevos, crecede, enchede as augas do mar e que os paxaros medren na terra. 23 E completouse o quinto día. 24 Mandou Deus que a terra producise as varias especies de animais, os domésticos, os réptiles e as feras salvaxes. E así foi. 25 Deus fixo as varias especies de feras salvaxes, animais domésticos, réptiles, e parecéronlle ben. 26 Despois dixo Deus: —"Fagamos o home á nosa imaxe e á nosa semellanza, e que mande nos peixes do mar, nos paxaros do ceo, nos animais domésticos e nos réptiles todos da terra". 27 E creou Deus o home á súa imaxe, creouno á imaxe de Deus, creouno varón e femia. 28 E bendiciunos así: —"Reproducídevos, crecede, enchede a terra e sometédea. Mandade nos peixes do mar, nos paxaros do ceo e nos réptiles todos da terra". 29 E díxolles aínda: —"Aí vos dou as herbas todas que hai na terra, coa súa propia semente, e todas as árbores que dan froito coa súa propia semente: serviranvos para a mantenza". 30 As feras todas do monte, ós paxaros do ceo e ós réptiles que viven na terra doulles a herba para a mantenza". E fíxose así. 31 Viu Deus canto fixera e era de verdade moi bo. E completouse o sexto día. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)