Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Tito 2 - Biblia SEPT


Ensino san e seguro

1 Pola túa parte, ensina o que é conforme á boa doutrina.

2 Que os vellos sexan sobrios, serios, prudentes, sans na fe, na caridade, na paciencia.

3 As vellas o mesmo: que sexan honestas no coidado da súa compostura, nin lingoreteiras, nin moi amigas do viño, mestras do ben,

4 para que exhorten ás novas a quereren ós seus homes e ós seus fillos,

5 Asisadas, limpas, boas administradoras da casa, submisas ós seus propios homes, para non desprestixiar a palabra de Deus.

6 Exhorta tamén ós novos a seren asisados,

7 mostrándote ti mesmo en todo coma exemplo de boa conduta: incorrupto na doutrina e serio.

8 Ensina unha palabra sa e indiscutible, para que o contrario se avergonce, non tendo nada malo que dicir de nós.

9 Que os escravos se lles sometan en todo ós seus amos e sexan servizais e non respondóns,

10 nin rapineiros; ó contrario, que sexan plenamente fieis e honrados, para faceren honor á doutrina de Deus, o noso Salvador.

11 Porque a graza de Deus viuse que era fonte de salvación para todos os homes.

12 Ela ensínanos que reneguemos da impiedade e das cobizas mundanas e vivamos no mundo presente dun xeito asisado, xusto e respectuoso,

13 Agardando a bendita esperanza e a manifestación gloriosa do noso gran Deus e Salvador Xesús Cristo.

14 El entregouse por nós, para nos redimir de toda iniquidade e purificar para si un pobo escolleito, afervoado, dedicado ás boas obras.

15 Di estas cousas, exhorta e reprende con toda autoridade; que ninguén te desprece.

Lean sinn:



Sanasan