Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Sofonías 3 - Biblia SEPT


Contra a cidade rebelde: Xerusalén

1 Ai da cidade opresora! É rebelde e está manchada.

2 Non fai caso da chamada, non aprende a lección co castigo. Non ten confianza no Señor, non se arrima ó seu Deus.

3 Os seus xefes no medio dela son leóns que berran. Os seis xuíces son lobos do serán que nin deixan os ósos para a mañá.

4 Os seus profetas son fonchos e homes de traizón, os seus sacerdotes profanan o santuario e violan a lei.

5 O Señor en cambio, é xusto, non comete nela inxustizas. Mañá tras mañá dá a súa xusta sentencia, e ó romper o día non falta, pero os malvados non coñecen a vergonza.


Conclusión: a lección do xuízo do Señor

6 Acabei coas nacións, as súas fortalezas quedaron arrasadas, destruín as súas rúas, sen que ninguén pase por elas, as súas cidades quedaron destruídas, sen ninguén, sen teren habitantes.

7 Pensei: "Certo, ti respectarasme, e aprenderás a lección: non desaparecerán do seu ollo todos os castigos que che inflixín". Pero, ó contrario, madrugaron para perverter todas as súas accións.

8 Por isto, esperádeme —é o Señor quen fala— no día que me levante para a sentencia, que a miña sentencia será: reunir as nacións e xuntar os reinos para verter sobre eles a miña ira, todo o ardor da miña carraxe. Si, co incendio do meu celo toda a terra será consumida.


III. PROMESAS SALVÍFICAS: UN POBO POBRE E HUMILDE DARALLE CULTO AO SEÑOR

9 Daquela, certo, eu volverei puros os labios do meu pobo para que todos eles invoquen o nome do Señor, dándolle culto cun esforzo unánime.

10 Desde o outro lado dos ríos de Cux, os meus adoradores, a miña casa dispersa, traerán para min as ofrendas.

11 No día aquel non te avergonzarás de ningún dos feitos cos que me ofendiches, porque entón eu farei que non te alegres do teu orgullo, e non volverás a ser arrogante no meu monte santo.

12 Farei que quede no medio de ti un pobo pobre e humilde, e no Nome do Señor terá o seu refuxio

13 o resto de Israel. Non farán maldades nin dirán mentiras; non se atopará na súa boca lingua mentireira. Si, eles pacerán e deitaranse sen que ninguén os espante.


Xúbilo de Xerusalén polo Señor, o seu Rei

14 Exulta, filla de Sión; berra leda, Israel, alégrate e relouca con todo o corazón, filla de Xerusalén.

15 O Señor retirou o teu castigo, botou para atrás os teus inimigos. O Señor será o rei de Israel no medio de ti, non volverás a ter medo da desgraza.

16 No día aquel diráselle a Xerusalén: Non teñas medo, Sión, que as túas mans non afrouxen.

17 O Señor, o teu Deus, está no medio de ti, é un heroe que salva. El salta de alegría por ti, embrúxate co seu amor, dá brincos de alegría por ti.

18 Eu aparteite da asemblea festiva; retirei de ti o seu Ai!; o oprobio que pesa sobre esas asembleas.

19 Velaí o que eu lles vou facer ós teus inimigos naquel intre: vou salvar a ovella coxa e recadar a descarreirada, convertereinas en loanza e renome en todo o país, onde sentiron vergonza.

20 No intre aquel traereivos, cando vos teña xuntados. Certo que vos converterei en renome e loanza entre todos os pobos da terra, cando eu vos cambie a sorte ante os vosos propios ollos —díxoo o Señor—.

Lean sinn:



Sanasan