Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Sofonías 1 - Biblia SEPT

1 Palabra do Señor dirixida a Sofonías, fillo de Cuxí, fillo de Guedalías, fillo de Amarías, fillo de Ezequías, no tempo de Ioxías, fillo de Amón, rei de Xudá.


I. O DÍA DO SEÑOR O xuízo do Señor contra o mundo

2 Vou acabar con todo, borrareino da face da terra —é o Señor quen fala—.

3 Vou acabar co home e co animal, vou acabar co paxaro do ceo e co peixe do mar e coas cousas que fan descamiñar ós malvados. Si, vou arrincar o home da face da terra —é o Señor quen fala—.


O xuízo do Señor contra Xudá e Xerusalén

4 Vou estender a miña man contra Xudá e contra todos os habitantes de Xerusalén. Vou arrincar deste santuario todo o que queda de Baal, e o nome dos seus ministros, xunto cos sacerdotes:

5 ós que se prostran nos tellados adorando ó exército do ceo, ós que se prostran xurando por Iavé e ó mesmo tempo xuran polo seu rei;

6 ós que deixan de seguir o Señor e non buscan o Señor nin o procuran.

7 Silencio ante a presenza do meu Señor, Deus! Está preto o día do Señor. Si, xa preparou o Señor o sacrificio, xa consagrou os invitados.

8 O día dos sacrificios do Señor sucederá que eu lles pedirei contas ós ministros e ós fillos do rei e a todos os que se visten con vestidos estranxeiros.

9 Pedireilles contas no día aquel a todos os que saltan ó estrado ós que enchen de violencia e engano as casas dos seus señores.

10 Sucederá o día aquel —é o Señor quen fala—: Un fragor de berros de auxilio que sae da Porta dos Peixes; un ruído de lamentos que vén da Vila Nova; un estrondo de derrubamento que vén dos outeiros.

11 Lamentaranse os habitantes da Canteira, porque quedou en silencio o fato dos mercadores, desapareceron todos os pesadores de prata.

12 Sucederá naquela hora: Pescudarei a Xerusalén con lámpadas, pedireilles contas ós homes satisfeitos polos froitos que producen, dicindo nos seus corazóns: "O Señor nin fai ben nin fai mal".

13 Certo, as súas riquezas serán para botín e as súas casas para o arrasamento. Si, construirán casas, pero non as habitarán, plantarán viñas, pero non beberán o seu viño.


Tremede, que o día do Señor está cerca

14 Está cerca o grande día do Señor, próximo e a caer. Amargo é o día do Señor, berra de medo o mesmo guerreiro.

15 Día de furor será o día aquel, día de angustia e apuros, día de desastre e desolación, día de tebras e escuridade, día de nubes e trebóns,

16 día de toques de corno e gritos de guerra, contra as altas fortalezas, e contra as torres ergueitas.

17 Provocarei angustias na xente e camiñarán coma cegos, porque pecaron contra o Señor. O seu sangue será estendido coma o po, e as súas entrañas coma o esterco.

18 Non os salvarán nin a súa prata nin o seu ouro. No día da ira do Señor, co incendio do seu celo, toda a terra será devorada: vai facer o exterminio —que terrible!— de todos os habitantes da terra.

Lean sinn:



Sanasan