Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Santiago 4 - Biblia SEPT


As cobizas fan as divisións

1 De onde veñen esas guerras e liortas que se dan entre vós? Non será das vosas cobizas, que loitan no voso interior?

2 Degoirades e non tedes; enrabechádesvos e andades cheos de envexa e non logrades cousa; combatédesvos e facédesvos a guerra e non conseguides porque non o pedides

3 e, se pedides, non recibides, porque pedides só co devezo de satisfacerdes as vosas cobizas.

4 Desleigados! Seica non sabedes que a amizade con este mundo é inimiga de Deus? E así quen quere ser amigo deste mundo faise inimigo de Deus.

5 Ou é que coidades que a Escritura di sen razón aquilo de que "o Espírito que puxo en nós ten arelas fortes"?

6 Pero meirande é a graza que nel concede. E por isto di: "Deus arrepónselles ós soberbios, pero ós humildes dálles a súa graza".

7 Sédelle, logo, ben mandados a Deus; facédelle fronte a Satán e arredará de vós.

8 Achegádevos a Deus e El achegarase a vós. Lavade as mans, pecadentos, limpade os corazóns, homes falsos.

9 Apalpade as vosas miserias, poñede o loito e chorade; que o voso riso se converta en pranto; e a vosa alegría, en tristura.

10 Abaixádevos no acatamento do Señor, que El vos ha soerguer.

11 Non andedes falando mal uns dos outros, irmáns. Quen fala mal de seu irmán ou xulga a seu irmán, fala mal da Lei e xulga a Lei; e, se xulgas a Lei, xa non es cumpridor da Lei, senón o seu xuíz.

12 Só un é lexislador e xuíz: o que pode salvar e perder. Pero quen es ti para xulgares o próximo?


Pobres dos comerciantes e dos ricos!

13 Reparade agora no que dicides: "hoxe ou mañá imos ir para esta ou aquela cidade, botaremos alí o ano, negociaremos e teremos beneficio".

14 Pero se non sabedes o que vai ser de vós mañá! Porque que é a vosa vida? Unha fumarediña que aparece e desaparece no mesmo intre.

15 En vez diso debiades dicir: "se Deus quere e chegamos alá, imos facer isto ou aquilo".

16 Pero vexo que vós sodes uns farfalláns e semellante fachenda é mala.

17 O que coñece o ben que ten que facer e non o fai, comete pecado.

Lean sinn:



Sanasan