Santiago 3 - Biblia SEPTA verdadeira sabedoría 1 Meus irmáns, que non haxa moitos de vós a se poñeren de mestres; xa sabedes que ós mestres os han xulgar con maior severidade, 2 porque todos pecamos moitas veces. Se hai alguén que non falte no falar, ese é un home perfecto, que pode refrear o seu corpo enteiro. 3 Ollade: ós cabalos poñémoslles un freo na boca para que nos obedezan e así controlamos o seu corpo. 4 E o mesmo os barcos: con seren tan grandes e iren empurrados por ventos tan fortes, gobérnanse cun temón pequeno cara a onde o temoeiro os quere levar. 5 Pois outro tanto pasa coa lingua: ser é un membro ben pequerrecho, pero pode gabarse de grandes cousas. Aí o tedes: cunha fogueiriña cantas fragas poden arder! 6 E a lingua é un lume, un mundo de ruindade. A lingua é unha parte dos nosos membros que contamina o corpo enteiro e, por estar inflamada polo inferno, fai arder ela tamén, pola súa banda, toda a nosa vida desde os comezos. 7 Calquera caste de bestas ou paxaros ou cóbregas ou peixes pode domeala o home e, de feito, doméaa; 8 A lingua, en troques, ninguén a dá domeado: é un mal sen acougo, cheo de solimán de morte. 9 Con ela bendicimos a Deus, o noso Pai; e con ela maldicimos os homes, creados semellantes a Deus. 10 Dos mesmos beizos saen a bendición e mais a maldición. E isto, irmáns, non debía ser así. 11 É que hai fonte que polo mesmo picho bote auga doce e auga amarga? 12 Meus irmáns, é que pode dar olivas a figueira ou figos a videira? E tampouco unha fontela salgada pode dar auga doce. 13 Quen de vós ten bo xuízo e experiencia? Pois quen o teña que manifeste coa súa boa conduta as obras feitas con asisada mansedume. 14 Pero, se tedes o corazón cheo de celos acedos e de liortas, deixádevos de fachendas e non andedes mentindo contra a verdade; 15 esta sabedoría non vén de arriba senón que é da terra, animal, endiañada. 16 Pois onde hai receos e liortas, dáse tamén alí o descontento e toda caste de ruindades. 17 Pola contra, a sabedoría que vén do ceo é primeiramente pura e despois pacífica, sinxela, acolledora, chea de misericordia e de bos froitos, imparcial, sen finximento. 18 O froito da xustiza seméntano coa paz os que van facendo a paz. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)