Santiago 2 - Biblia SEPTDistingos nas comunidades 1 Meus irmáns, a fe que temos no noso Señor Xesús Cristo, o glorioso, non cadra ben con certos distingos entre persoas. 2 Entra na vosa asemblea é un supoñer un home cun anel de ouro, vestido con moita galanura, e entra tamén un pobre vestido con farrapos; 3 se vos fixades no que vai ben vestido, e lle dicides: "ti acomódate ben aquí", e ó pobre "ti queda de pé aí", ou "senta no chan ós meus pés", 4 non estades facendo distincións entre vós mesmos, converténdovos en xuíces de criterios inicuos? 5 Escoitádeme ben, meus irmáns queridiños: seica non escolleu Deus os pobres deste mundo para seren ricos na fe e herdeiros do Reino que Deus prometeu ós que o aman? 6 Vós, en troques, abafastes o pobre. Seica non son os ricos os que vos asoballan e os que vos levan a xuízo? 7 Non son eles tamén os que aldraxan o fermoso nome que se invocou sobre vós? 8 Facedes moi ben se, con todo, cumprides á perfección a Lei rexia da Escritura que di: "Amarás o teu próximo coma a ti mesmo". 9 Pero se andades con favoritismos, pecades, e a lei havos acusar de transgresores. 10 Porque quen garda toda a Lei, aínda que só quebrante un mandado, ten que responder de todos, 11 pois o que dixo: "non fagas adulterio", tamén dixo: "non mates". E, se non adulteras pero matas, xa non cumpres coa Lei. 12 Falade e facede as cousas como acae a quen a lei da liberdade vai xulgar, 13 pois terá un xuízo sen misericordia o que non foi misericordioso; a misericordia está por riba do xuízo. A fe móstrase nos feitos 14 Irmáns benqueridos, que proveito lle trae a un dicir que ten fe, se non ten feitos? Acaso o poderá salvar esa fe? 15 Se un irmán ou unha irmá andan espidos e necesitados do pan de cada día, 16 e vai un de vós e dilles: "ídevos en paz, quentádevos e fartádevos", pero non lles dá aquilo que lle cómpre ó seu corpo, que proveito levan? 17 Pois o mesmiño pasa coa fe: se non ten feitos, leva a morte no seu cerne. 18 Pode dicir alguén: "ti tes a fe, eu teño os feitos". Móstrame a túa fe sen feitos que eu polos feitos heiche de mostrar a miña fe. 19 Ti cres que só hai un Deus? Fas ben, pero iso tamén o cren os demos e mais tremen. 20 Queres entender dunha vez, parvo, que a fe sen feitos está morta? 21 Os feitos xustificaron ó noso pai Abraham, cando ofreceu o seu fillo Isaac enriba do altar, non si? 22 Fíxaste como a fe colabora cos seus feitos e como polos feitos a fe chegou á súa madurez? 23 Así se cumpriu a Escritura que di: "Abraham tivo fe en Deus e iso valeulle de xustificación", de xeito que mesmo se lle chamou amigo de Deus. 24 Xa vos decatades de como son os feitos os que xustifican o home e non só a fe. 25 O mesmo podemos dicir da prostituta Rahab: seica non a xustificaron os feitos, cando recibiu os mensaxeiros e os encamiñou logo por outros carreiros? 26 O mesmo que un corpo sen alento está morto, así tamén a fe sen feitos morta está. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)