Salmos 94 - Biblia SEPT(93) O pago dos soberbios 1 Señor, Deus xusticeiro, Deus xusticeiro, maniféstate; 2 xuíz da terra, érguete, dálles o seu pago ós soberbios. 3 Ata que día os malvados, Señor, ata que día os malvados triunfarán? 4 Os malfeitores latrican, falan con insolencia e xactancia. 5 Oprimen, Señor, o teu pobo, asoballan o teu herdo; 6 matan viúvas e estranxeiros, asasinan orfos. 7 Din: —"O Señor non o ve, o Deus de Xacob non se decata". 8 Entendede, xente insensata, cando teredes xuízo, ignorantes? 9 Non vai oír quen plantou o oído? Non vai ver quen fixo os ollos? 10 Non vai castigar quen educa os pobos e ensina a ciencia ós humanos? 11 O Señor coñece ben as ideas dos homes: verdadeira vaidade. 12 Feliz o que ti corrixes, Señor, e lle ensinas a túa vontade. 13 Despois das horas malas dáslle o sosego, mentres para os malvados se cava unha cova. 14 Certamente o Señor non rexeita o seu pobo nin abandona o seu herdo. 15 O xuízo será outra vez xusto e todos os rectos o gardarán. 16 Quen se erguerá por min contra os malvados? Quen me axudará en contra dos malfeitores? 17 Se o Señor non me acorrese, xa estaría morando no silencio da morte. 18 Cando digo: —"O meu pé tremelica", o teu amor, Señor, sostenme. 19 Cando medran as coitas no meu peito, o teu consolo alégrame o espírito. 20 Pode ser aliado teu o tribunal inxusto, que no nome da lei amaña a opresión? 21 Asaltan a vida dos rectos e condenan os inocentes. 22 Pero o Señor é o meu refuxio, o meu Deus, a rocha onde me acollo. 23 El pagaralles a súa iniquidade, destruiraos na súa mesma maldade, destruiraos o Señor, noso Deus. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)