Salmos 90 - Biblia SEPT(89) Ensínanos a contar os nosos días 1 Pregaria de Moisés, home de Deus. 1 Pregaria de Moisés, home de Deus. Señor, ti fuches o noso agarimo, ó longo das xeracións. 2 Primeiro que os montes xurdisen, e que fosen formados a terra e o mundo, desde sempre e por sempre es ti Deus. 3 Ti podes volver en po os mortais, con dicirlles:— "Fóra, homes". 4 Mil anos ante ti son coma o onte que pasou e coma unha vixilia da noite. 5 Ti falos pasar, e son coma sono de mañanciña, coma herba que agroma: 6 de mañá florece e verdea e á tarde ségana e seca. 7 A túa ira fainos desfalecer, a túa cólera tennos desmaiados, 8 porque pos as nosas culpas ante ti, os nosos segredos á luz da túa ollada. 9 Os nosos días esvaecen na túa indignación, acabamos coma un suspiro os nosos anos. 10 A nosa vida é de setenta anos, de oitenta a dos máis fortes; e os máis deles son de traballos e miserias: esvaecen de présa, e nós voamos. 11 Quen puidese valorar a forza da túa ira, a túa indignación, co debido temor! 12 Ensínanos a contar os nosos días, para que aprendamos a ser asisados. 13 Volve, Señor. Por canto aínda? Apiádate dos teus servos. 14 Dános axiña a fartura da túa misericordia, para que a nosa vida teña felicidade e ledicia. 15 Alégranos polos días en que nos aflixiches, por tantos anos de coitas. 16 Que se vexa a túa obra nos teus servos e a túa gloria nos teus fillos. 17 Que a bondade do Señor, noso Deus, sexa connosco e que el asegure as accións das nosas mans. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)