Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Salmos 9 - Biblia SEPT


Grazas a Deus que xulga os pobos

1 Do mestre do coro, segundo "A morte do fillo". Salmo de David.

2 Douche grazas, Señor, de todo corazón, proclamo as túas marabillas.

3 Alégrome, relouco contigo e canto o teu nome, Altísimo.

4 Os meus inimigos retroceden, caen e perecen ante ti,

5 pois ti defendes a miña causa, o meu dereito, sentado, xusto xuíz, no tribunal.

6 Ti reprendes as xentes, destrúes os malvados e borras para sempre os seus nomes.

7 Os inimigos acaban en ruína eterna: ti arrasas as súas cidades, pérdese a súa memoria.

8 O Señor aséntase firme, prepara a sede para xulgar.

9 El xulgará o mundo con xustiza, rexerá as nacións con equidade.

10 O Señor é abeiro dos oprimidos, o seu abeiro no tempo da angustia.

11 En ti confían os que coñecen o teu nome, porque ti non abandonas os que te buscan, Señor.

12 Cantádelle ó Señor que mora en Sión, anunciádelles ós pobos as súas obras.

13 El vinga o crime, lévao en conta, non lle esquece o grito dos pobres.

14 Ten dó de min, Señor, olla cómo me aflixe o inimigo. Tírame ti da man da morte,

15 para que poida cantar as túas loanzas ás portas de Sión, e celebrar xubiloso o teu socorro.

16 Os xentís afondarán na cova que cavaron, na rede que tenderon quedará preso o seu pé.

17 O Señor maniféstase para facer a xustiza; os malvados caen na propia trapela.

18 Voltan ó abismo os malvados e as xentes todas que se esquecen de Deus;

19 mais o pobre non será esquecido eternamente, non finará para sempre a esperanza do humilde.

20 Érguete, Señor, que non triúnfe o home, sexan xulgadas as xentes ante ti.

21 Ponlles medo, Señor: aprendan as xentes que nada máis son homes.

Lean sinn:



Sanasan