Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Salmos 89 - Biblia SEPT


(88) O pacto co rei unxido

1 Poema de Etán o indíxena.

2 Quero cantar por sempre o amor do Señor, pregoar polas xeracións a súa fidelidade:

3 —"Penso que o teu amor está fundado co mundo, a túa fidelidade asentada cos ceos".

4 Co meu elixido firmo unha alianza, ó meu servo David fágolle un xuramento:

5 —"Afincarei a túa liñaxe para sempre, construireiche un trono duradeiro".

6 Os ceos proclaman, Señor, as túas marabillas, a asemblea dos santos, a túa fidelidade.

7 Quen, sobre as nubes, se compararía co Señor? Quen lle semella entre os seres divinos?

8 Deus no consello dos santos é temido, grande e terrible para canto o rodea.

9 Señor, Deus dos exércitos, quen hai coma ti, cinguido, Señor, de poder e fidelidade?

10 Ti dominas a soberbia do mar, acalas s ondas levantadas.

11 Ti esmagas a Rahab coma un cadáver e desbaratas con brazo poderoso os teus inimigos.

12 Teu é o ceo e túa a terra, o mundo e canto o enche ti o fundaches.

13 Ti creaches o norte e o sur, o Tabor e o Hermón exultan no teu nome.

14 Ti tes brazo potente, a túa man é forte, a túa dereita ergueita.

15 Xustiza e rectitude fundamentan o teu trono, amor e fidelidade marchan ante ti.

16 Feliz o pobo que sabe aclamarte e camiñar, Señor, na luz da túa presenza.

17 O teu nome fai a súa ledicia o día enteiro, a túa xustiza é a súa gloria.

18 Ti es, en verdade, a súa gloria e a súa forza, polo teu favor erguemos nós a testa.

19 O Señor é o noso escudo, o santo de Israel o noso rei.

20 Un día falaches así en visión ós teus amigos: —"Púxenlle a coroa a un valente, erguín do medio do pobo un elixido;

21 Atopei o meu servo David e unxino con óleo santo.

22 A miña rexa man estará con el, o meu brazo farao forte.

23 Non poderán con el os inimigos nin o abaterán os malvados.

24 Eu desfarei ante el os meus adversarios, ferirei ós que me aborrecen.

25 A miña fidelidade e o meu amor irán con el e no meu nome erguerá a testa.

26 Estenderei sobre o mar a súa man, sobre os ríos a súa dereita.

27 El dirame: —Ti es meu pai, meu Deus, rocha da miña salvación.

28 Eu dareille a primoxenitura, a soberanía sobre os reis da terra.

29 Gardareille o meu amor eternamente e a miña alianza con el será leal.

30 Dareille unha posteridade duradeira, o seu trono sosterase coma os ceos.

31 Se os seus fillos abandonan a miña lei e non se rexen polas miñas decisións;

32 se profanan os meus mandatos e non gardan os meus preceptos,

33 eu fustrigarei coa vara os seus delitos e con azoutes as súas culpas.

34 Pero non lles retirarei o meu amor nin faltarei á miña fidelidade;

35 non violarei a miña alianza nin mudarei o dito dos meus labios.

36 Unha vez xurei pola miña santidade que non mentiría a David.

37 A súa posteridade será eterna, o seu reino durará coma o sol ante min,

38 coma a lúa, que está firme por sempre, signo fiel no alto do ceo".

39 Pero ti rexeitáchelo, desdeñáchelo, incomodácheste co teu unxido;

40 rompiches a alianza co teu servo, profanaches polo chan a súa coroa.

41 Derrubaches os seus muros, convertícheslle en ruína as fortalezas.

42 Os que pasan saquéano, é o riso dos veciños.

43 Erguiches a man dos seus adversarios, alegraches ós seus inimigos.

44 Gafáches o fío da súa espada e non o sostiveches na batalla.

45 Tiráchelo do seu esplendor, botaches por terra o seu trono.

46 Acurtaches os días da súa mocidade, cubríchelo de ignominia.

47 Por canto tempo aínda, Señor? Esconderaste para sempre? Arderá coma lume o teu furor?

48 Recorda cal é a miña duración e que caducos creaches os homes.

49 Que home vivirá sen ver a morte? Quen librará a súa vida das poutas do abismo?

50 Onde está, Señor, o antigo amor que pola túa fidelidade lle xuraches a David?

51 Ten en conta, Señor, a aldraxe dos teus servos, o que teñen que aturar de todas as nacións;

52 os insultos, Señor, dos teus inimigos, os insultos ós pasos do teu Unxido.

53 Bendito sexa por sempre o Señor. Amén. Amén.

Lean sinn:



Sanasan