Salmos 83 - Biblia SEPT(82) Os pobos en conxura 1 Cántiga, salmo de Asaf. 2 Señor, non quedes calado, non esteas, Deus, mudo e quedo. 3 Mira que os teus inimigos se reviran, os que te aborrecen erguen a cabeza. 4 Traman un proxecto en contra do teu pobo, conspiran contra os teus protexidos. 5 "Vide —din—; borrémolo de entre os pobos que non se recorde máis o nome de Israel". 6 Están de acordo na conxura, entran no pacto contra ti 7 As cabilas de Edom e de Ismael, moabitas e agarenos, 8 Guebal, Amón e Amalec, filisteos e mais tirios; 9 tamén os acompañan os asirios, axudando ós fillos de Lot. 10 Failles coma a Madián e coma a Sísera, coma a Iabín no torrente Quixón: 11 foron destruídos en Endor e ficaron coma esterco dos campos. 12 Trata ós seus xefes coma a Oreb e a Zeeb, ós seus nobres coma a Zébah e Salmuná, 13 que dicían: —"Conquistemos as terras de Deus". 14 Convérteos, meu Deus, en folla seca, en cisco diante do vento. 15 Coma lume que queima os bosques, coma fogueira que abura os montes, 16 persígueos así coa tempestade, atérraos co furacán. 17 Fártaos de vergonza, ata que invoquen, Señor, o teu nome. 18 Queden avergonzados, enteiramente abatidos, que se vexan perdidos e confusos. 19 Que aprendan que só ti, Señor, es o Altísimo en toda a terra. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)