Salmos 81 - Biblia SEPT(80) Ai, se o meu pobo me escoitase! 1 Do mestre do coro, coa cítola de Gat. De Asaf. 2 Cantade a Deus, a nosa forza, aclamade ó Deus de Israel; 3 pulsade o salterio, tocade o pandeiro, a donda cítara e a arpa. 4 Tocade a trompeta na lúa nova, na lúa chea, no día da festa. 5 Para Israel isto é unha lei, un precepto do Deus de Xacob. 6 Impúxollo por lei a Xosé, cando saíu da terra de Exipto. 7 Escoitei a fala dun descoñecido, tireille a carga do lombo, as súas mans deixaron as cestas. 8 No apuro chamáchesme e libreite, respondinche agachado entre trebóns, púxente a proba nas augas de Meribah. 9 Oe, meu pobo, que quero avisarte, escóitame ben, Israel. 10 —"Non terás contigo un deus estraño, non adorarás un deus alleo. 11 Eu son o Señor, o teu Deus, quen te sacou da terra de Exipto: abre a túa boca, que eu a encherei". 12 Pero o meu pobo non escoitou a miña voz, Israel non quixo nada de min. 13 E deixeinos á súa teima, que fixesen ó seu xeito. 14 Ai, se o meu pobo me escoitase, se Israel seguise o meu camiño! 15 Abateríalle nun intre os inimigos, volvería a miña man contra os opresores. 16 Os que aborrecen ó Señor, adularíano, e a súa sorte sería duradeira. 17 Manteríao con flor de trigo, con mel bravo o fartaría. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)