Salmos 80 - Biblia SEPT(79) Móstrate e seremos salvos 1 Do mestre do coro, con cítaras de Xuxán. Edut, salmo de Asaf. 2 Escoita, pastor de Israel, que guías o rabaño de Xosé; ti que sentas sobre os querubíns, 3 móstrate ante Efraím, Benxamín e Menaxés, esperta o teu poder e ven salvarnos. 4 Restáuranos, Deus; móstrate e seremos salvos. 5 Señor, Deus dos exércitos, por canto tempo aínda estarás irritado contra os rogos do teu pobo? 6 Décheslle a comer un pan de pranto e a beber bágoas a grolos. 7 Puxéchesnos de rifa entre veciños e búrlanse de nós os nosos inimigos. 8 Restáuranos, Deus dos exércitos; móstrate, e seremos salvos. 9 Arrincaches de Exipto unha vide, expulsaches nacións para a plantar; 10 preparácheslle o chan, botou raíces, encheu a terra. 11 A súa sombra cubría os montes, os seus bacelos eran coma cedros; 12 estendeu as súas ramas ata o mar os seus gromos ata o río. 13 Por que lle derrubaches os valados, para que a vendimen cantos pasan? 14 Os xabarís estragan nela e devórana as bestas do campo. 15 Dá a volta, Deus dos exércitos, olla desde o ceo e ve. Atende esta vide, 16 este bacelo que plantaches coa túa man, o bacelo que ti fortaleciches. 17 Queimárono, chapodárono: perezan ante o furor da túa presenza. 18 Que a túa man protexa ó teu elixido, o home que ti fortaleciches. 19 Non nos afastaremos máis de ti; dános vida de novo, e invocaremos o teu nome. 20 Restáuranos, Señor dos exércitos; móstrate e seremos salvos. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)