Salmos 8 - Biblia SEPTCanto ó creador do home 1 Do mestre do coro, coa cítara de Gat. Salmo de David. 2 Señor, noso Señor, que grande é o teu nome en toda a terra! A túa maxestade érguese por enriba do ceo. 3 Na boca de nenos de peito fundas a túa fortaleza contra os teus adversarios, para faceres calar a inimigos e rebeldes. 4 Cando vexo o ceo, feitura da túa man, a lúa e as estrelas que fixaches alí, 5 que é o home, para que o lembres, o fillo do home, para que del te ocupes? 6 Por pouco non o fixeches coma os anxos, coroáchelo de honor e dignidade; 7 décheslle mando sobre as obras das túas mans, puxéchelo todo ós seus pés: 8 rabaños de ovellas e touros, e mesmo as bestas do monte, 9 os paxaros do ceo e os peixes do mar, que fan carreiros polas augas. 10 Señor, noso Señor, que grande é o teu nome en toda a terra! |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)