Salmos 79 - Biblia SEPT(78) Vinganza do sangue vertido 1 Salmo de Asaf. 1 Salmo de Asaf. As xentes entraron, Deus, na túa herdade, profanaron o teu santo templo, reduciron Xerusalén a unha ruína. 2 Botaron os cadáveres dos teus servos por pasto ás aves do ceo; a carne dos teus amigos, ós animais do monte. 3 Verteron sangue coma auga arredor de Xerusalén, sen haber quen enterrase. 4 Convertémonos en escarnio dos veciños, en burla e riso dos que nos rodean. 5 Por canto aínda, Señor? Será para sempre o teu enfado? Arderá coma o lume o teu noxo? 6 Descarga a túa ira sobre as xentes que non te recoñecen, sobre os reinos que non invocan o teu nome, 7 pois devoran a Israel, alagan as súas moradas. 8 Non nos teñas en conta os pecados dos pais, chegue axiña a túa piedade, que estamos esgotados. 9 Axúdanos, Deus, Salvador noso, pola gloria do teu nome; líbranos, perdoa as nosas culpas, por mor do teu nome. 10 Por que han de dicir as xentes: —"Onde está o seu Deus?". Que vexamos cos nosos ollos entre as xentes a vinganza do sangue vertido dos teus servos. 11 Que chegue ata a ti o pranto dos cativos e que o teu brazo poderoso salve os condenados á morte. 12 Págalles sete veces ós veciños o oprobio, Señor, con que te aldraxan. 13 Nós, o teu pobo, ovellas do teu rabaño, cantaremos polas xeracións as túas loanzas. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)