Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Salmos 78 - Biblia SEPT


(77) As leccións da historia
1 Poema, de Asaf.

1 Poema, de Asaf. Escoita, meu pobo, a miña instrución, atende as miñas palabras.

2 Vouche falar en parábolas, exporche vellas adiviñas.

3 O que oímos e sabemos, o que os pais nos contaron,

4 non llelo podemos calar a seus fillos; témolo que contar ás xeracións vindeiras: as glorias do Señor, o seu poder, e os milagres que fixo.

5 El fixou unha norma en Xacob, deulle unha lei a Israel e mandou a nosos pais que llela ensinasen a seus fillos,

6 para que a xeración vindeira a coñeza e os fillos que nazan llela conten ós seus fillos.

7 Estes porán en Deus a súa esperanza, non se esquecerán das súas obras, gardarán os seus mandatos.

8 Así non serán coma seus pais, xente rebelde e teimuda, raza de ánimo inquedo, de espírito infiel a Deus.

9 Os fillos de Efraím, bos arqueiros, volveron as costas á hora do combate;

10 non gardaron o pacto de Deus, refugaron a súa lei;

11 esqueceron as súas obras, os prodixios que El lles mostrara.

12 Diante de seus pais fixera marabillas, na terra de Exipto, nos campos de Soán.

13 Fendeu o mar para lles dar paso, as augas fixeron diques.

14 Coa nube guiábaos polo día e con faro de lume pola noite.

15 Fendeu rochas no deserto e deulles de beber con abundancia;

16 da rocha sacou caudais, auga corrente coma ríos.

17 Eles seguiron pecando, ofendendo no deserto ó Altísimo.

18 Tentaron a Deus no corazón, pedíronlle comida por cobiza.

19 Falaban así contra Deus: —"Poderá Deus pór unha mesa no deserto?

20 Se bateu a rocha e deitou auga, e reverteron os regachos, poderá tamén darnos pan e prover ó pobo de carne?".

21 Sentiuno o Señor e indignouse, acendeuse a súa ira contra Xacob, ferveu o seu noxo contra Israel,

22 por non teren confianza en Deus nin esperanza no seu socorro.

23 Ordenou logo ás nubes desde arriba, abriu as portas do ceo,

24 e fixo chover maná para comeren; deulles trigo do ceo.

25 Comeu o home pan dos fortes, deulles sustento a fartar.

26 Fixo soprar no ceo o vento do leste, dirixiu con poder o vento do sur,

27 e choveu, coma po, carne sobre eles e, coma area do mar, aves aladas.

28 Botóullelos no mesmo campamento, arredor das súas tendas.

29 Comeron ata se fartaren, cumpriulles os seus degoros.

30 Pero non desistiron no antollo, cando tiñan aínda na boca a comida.

31 A ira de Deus acendeuse contra eles, deu morte ós máis fortes, e dobregou a flor de Israel.

32 Con todo isto aínda pecaron, non creron nos seus prodixios.

33 El reduciu a súa vida a un sopro, os seus anos a un suspiro.

34 Cando os castigaba, eles buscábano, volvíanse e corrían cara a Deus,

35 lembrando que Deus era a súa rocha, o Deus Altísimo o seu redentor.

36 Coa boca tratábano de enganar; coa lingua, de lle mentir.

37 Mais o seu corazón non era firme, non eran fieis á súa alianza.

38 Por piedade perdoaba El as súas culpas e non os destruía. Moitas veces contivo a súa ira, non deixou acender o seu noxo,

39 facendo conta de que eran carne, sopro que se vai e que non volve.

40 Cantas veces se rebelaron no deserto e incomodaron a Deus na soidade!

41 Tentaron a Deus moitas veces, incomodaron ó Santo de Israel.

42 Non facían conta da man que un día os redimira da opresión,

43 cando fixo sinais en Exipto, escarmentos nos campos de Soán.

44 Converteu en sangue os seus ríos e non podían beber as súas augas.

45 Mandoulles moscas que os picaban e ras que os infestaban.

46 Entregoulles ós saltóns as súas colleitas; o froito do seu traballo, á lagosta.

47 Bateu coa sarabia as súas viñas e coa xeada as súas figueiras.

48 Entregou os seus gandos ó pedrazo; ós raios, as súas facendas.

49 Descargou sobre eles a súa ira, o noxo, o furor, a indignación, mensaxeiros de desgrazas arreo.

50 Deu renda solta ó seu noxo, non escondeu da morte as súas vidas, mais entregounos á peste.

51 Feriu os primoxénitos de Exipto, as primicias do vigor nas tendas de Cam.

52 Sacou coma rabaño ó seu pobo, guiouno coma un fato polo deserto.

53 Conduciuno seguro, sen temor, mentres o mar cubría os inimigos.

54 Levounos á súa terra santa, ó monte que adquirira coa súa dereita.

55 Botou de diante deles ós pobos, deulles en sorte o seu herdo, apousentou nas súas tendas as tribos de Israel.

56 Eles tentaron, provocaron ó Deus Altísimo, non gardaron os seus preceptos.

57 Coma seus pais, desertaron, traizoaron, volvéronse, coma arco enganoso.

58 Cos seus santuarios nos altos provocárono, cos ídolos acenderon os seus celos.

59 Sentiuno Deus e indignouse, mesmo refugou a Israel.

60 Abandonou o templo de Xiloh, tenda da súa morada entre os homes.

61 Deixou na catividade os seus valentes, o seu orgullo en poder do opresor.

62 Entregou o seu pobo á espada, incomodouse contra o seu herdo.

63 O lume engulipou os seus mozos e non houbo cantares para as mozas.

64 Os seus sacerdotes caeron pola espada e as súas viúvas non choraron.

65 Espertou o Señor coma dun sono, coma guerreiro arrolado polo viño,

66 e bateu nos seus inimigos polas costas, deixounos para eterna vergonza.

67 Desbotou as tendas de Xosé, non elixiu a tribo de Efraím,

68 elixiu a tribo de Xudá, e o monte Sión que El amaba.

69 Construíu o seu santuario nun outeiro fundamentouno para sempre, coma a terra.

70 Elixiu ó seu servo David, colleuno dos curros do rabaño.

71 De detrás das ovellas levouno para alindar o seu pobo Xacob, o seu herdo Israel.

72 Alindouno con recto corazón, dirixiuno con man intelixente.

Lean sinn:



Sanasan