Salmos 76 - Biblia SEPT(75) Para salvar os oprimidos 1 Do mestre do coro, con instrumentos de corda. Salmo de Asaf, cántiga. 2 Deus é coñecido en Xudá, en Israel é grande o seu nome. 3 Ten a súa tenda en Xalem e a súa morada en Sión. 4 Alí rompe o arco flamexante, o escudo, a espada e as guerras. 5 Ti es resplandecente, poderoso, dono de montañas de botín. 6 Os valentes son espoliados mentres dormen; ós guerreiros non lles responden as súas mans. 7 Ante a túa ameaza, Deus de Israel, paralízanse carros e cabalos. 8 Ti, Señor, es temible, quen resistiría ante ti, ante a forza da túa ira? 9 Desde o ceo pronuncias sentencia, treme a terra e cala. 10 Cando te ergues, Deus, para xulgar, para salvar os oprimidos da terra, 11 A carraxe humana proclama a túa gloria e os salvados da túa ira serán a túa coroa. 12 Facede votos ó Señor voso Deus, e cumprídeos e que os pobos do arredor traian tributo ó terrible, 13 o que lles corta ós príncipes o folgo, que é terrible para os reis da terra. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)