Salmos 75 - Biblia SEPT(74) Deus é quen goberna 1 Do mestre do coro, segundo "Non destrúas". Salmo de Asaf, cántiga. 2 Dámosche as grazas, Deus, dámosche as grazas, Invocamos o teu nome e contamos as túas marabillas. 3 Cando eu determine a hora, xulgarei con rectitude. 4 Se treme a terra e quen a habita, eu sosteño as súas columnas. 5 Eu aviso ós soberbios: —"Non vos oufanedes", e ós malvados: —"Non ergades a testa; 6 non ergades a testa ás alturas, non faledes con gorxa insolente". 7 Non vén do nacente nin do poñente, nin do deserto o que ergue; 8 Deus é quen goberna: el abate a un e exalta a outro. 9 Na man do Señor hai unha cunca chea de viño velenoso. Dela dá a beber ata as borras, beberán dela todos os malvados. 10 Eu proclamarei por sempre, cantarei ó Deus de Israel. 11 El romperá a testa dos malvados, mentres se ergue a cabeza dos xustos. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)