Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Salmos 72 - Biblia SEPT


(71) Os bens da era mesiánica
1 De Salomón.

1 De Salomón. Outórgalle, Deus, o teu xuízo ó rei; ó fillo de reis, a túa xustiza.

2 Que rexa ó teu pobo rectamente e ós teus pobres con equidade.

3 Os montes ofreceranlle prosperidade ó pobo, os outeiros, xustiza.

4 El dará o dereito ós humildes, socorrerá os indixentes, esmagará os opresores.

5 Durará canto dure o sol tanto coma a lúa, polas xeracións.

6 Será coma chuvia no prado, coma trebón que rega os terreos.

7 Florecerá a xustiza nos seus días, unha prosperidade duradeira como a lúa.

8 Dominará de mar a mar, desde o gran río ata o cabo da terra.

9 Diante del caerán os inimigos, lamberán o po os adversarios.

10 Traeranlle dons os reis de Tárxix e das illas, os reis de Saba e de Sebá pagaranlle tributo.

11 Postraranse ante el todos os reis da terra, servirano todas as nacións.

12 El librará ó pobre que suplica, ó aflixido que está sen axuda.

13 Terá piedade dos febles e indixentes, salvará a vida dos pobres;

14 rescataraos da inxuria e da opresión, pois a súa vida e o seu sangue son preciosos ós seus ollos.

15 Vivirá e traeranlle ouro de Saba, pedirán sempre por el, todo o día o bendicirán.

16 Abundará o trigo nos campos, nos montes ondularán coma no Líbano os froitos, florecerán as vilas coma a herba dos agros.

17 Que o seu nome dure por sempre e a súa sona igual có sol. Que se bendigan nel todos os pobos e que o proclamen ditoso.

18 Bendito sexa o Señor, Deus de Israel, o único que fai marabillas.

19 Bendito sexa por sempre o seu nome glorioso e que a terra se encha da súa gloria. Amén. Amén.

20 Fin das oracións de David, fillo de Ixaí.

Lean sinn:



Sanasan