Salmos 71 - Biblia SEPT(70) Darasme vida de novo 1 En ti, Señor, acóllome, que endexamais non me vexa confundido. 2 Pola túa xustiza, líbrame, deféndeme, inclina o teu oído e sálvame. 3 Se ti a rocha do meu refuxio sempre disposta para salvarme: Ti que es a miña forte cidadela. 4 Rescátame, meu Deus, do poder dos malvados, do puño do criminal e do opresor. 5 Ti es, Señor, a miña esperanza, a miña confianza, Señor, desde a mocidade. 6 Desde o nacemento apóiome en ti, desde o seo materno ti es o meu amparo, a ti vai sempre o meu loor. 7 Para moitos convertinme en escarmento, mais ti es para min forte refuxio. 8 Da túa loanza está chea a miña boca, e da túa glorificación, o día enteiro. 9 Non me rexeites na vellez, non me abandones cando me faltan as forzas, 10 pois dirían de min os inimigos, murmurarían os que me axexan: 11 —"Deus teno abandonado: perseguídeo, agarrádeo, pois non hai quen o salve". 12 Non te afastes, Deus, de min, date présa en axudarme. 13 Que se vexan confusos e abatidos os que atentan contra min; que se cubran de vergonza e confusión os que buscan o meu mal. 14 Eu sigo sempre esperando, engadindo loanza á túa loanza. 15 A miña boca pregoa a túa xustiza, a túa salvación, o día enteiro. Aínda sen as poder contar, 16 falarei das fazañas do Señor: de ti, só de ti, cantarei a xustiza. 17 Desde a mocidade ensínasme ti, Deus, e aínda hoxe eu canto os teus prodixios. 18 Agora na vellez e nas canas non me abandones, meu Deus, para lle contar do teu brazo á xeración presente, e do teu poder a todas as vindeiras. 19 A túa xustiza, Deus, chega ás alturas, ti fixeches cousas grandes: quen coma ti, meu Deus? 20 Ti fixéchesme probar apuros e aflicións, pero de novo me darás a vida e volverasme erguer dos abismos da terra. 21 Acrecerás a miña dignidade e outra vez has consolarme. 22 Eu dareiche as grazas coa arpa, meu Deus, pola túa fidelidade; tocarei para ti a cítola, Santo de Israel. 23 Aclamarante con cantos os meus labios e esta vida que ti rescataches. 24 A miña lingua cantará decote a túa xustiza, mentres fican avergonzados e confusos os que buscan o meu mal. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)