Salmos 7 - Biblia SEPTHaberá xustiza para o oprimido 1 Lamentación, de David. Cando lle cantou ó Señor, polo de Cux o benxaminita. 2 Señor, meu Deus, en ti acóllome; líbrame dos meus perseguidores, sálvame, 3 non me atrapen coma leóns: esnaquizan e non hai quen se salve. 4 Señor, meu Deus, se fixen isto, se nas miñas mans hai maldade, 5 se lle correspondín mal ó amigo, deixando escapar o inxusto opresor, 6 que o inimigo me persiga e me aprese, que me esmague vivo contra o chan e bote por terra o meu honor. 7 Érguete, Señor, na túa ira, imponte á rabia do opresor, sae por min, ti que chamas a xuízo. 8 Que te rodee a asemblea das nacións, e ti pon o asento enriba dela. 9 O Señor xulga os pobos: xúlgame, Señor, conforme á miña xustiza, ten en conta a miña inocencia. 10 Que se acabe a maldade dos impíos, e confirma ós inocentes, ti, que sondas o corazón e as entrañas, ti, que es o Deus xusto. 11 Deus é o meu escudo, el salva ós que son rectos. 12 Deus é un xuíz xusto, un Deus que ameaza cada día. 13 Se non se converten, afía a espada, tensa o arco e apunta; 14 prepara armas de morte, tira frechas acesas. 15 Quen concibe a maldade está preñado de malicia e dá a luz o engano. 16 Cava unha cova e afóndaa, e cae el mesmo na cova que fixo. 17 A súa maldade recae na súa cabeza, sobre a propia testa volva a súa violencia. 18 Loarei ó Señor pola súa xustiza, cantarei o nome do Altísimo. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)