Salmos 68 - Biblia SEPT(67) Desde Sinaí ó santuario 1 Do mestre do coro. Salmo de David, cántiga. 2 Érguese Deus e dispérsanse os seus inimigos, foxen da súa presenza os adversarios. 3 Disípanse coma fume que esvaece, coma cera que co lume derrete. Así perecen diante de Deus os malvados, 4 pero os xustos alégranse, exultan na súa presenza, reloucan de contento. 5 Loade o Señor, cantade o seu nome, abride camiño ó que cabalga polas gándaras. Chámase Señor: exultade diante del. 6 Os orfos teñen un pai, as viúvas un vingador: Deus na súa morada santa. 7 Deus dálles fogar ós solitarios, libra os presos e enriquéceos, mentres os rebeldes quedan en terra reseca. 8 Cando saías, Deus, á fronte do teu pobo e avanzabas polo deserto, 9 A terra tremeu e os ceos destilaron, diante do Deus do Sinaí, diante do Deus de Israel. 10 Vertiches, Deus, chuvia xenerosa, fortaleciches a herdade extenuada. 11 O teu rabaño apousentou no lugar que ti, Deus, dispuxeras na túa bondade para os pobres. 12 O Señor dá a palabra e miles de mensaxeiros pregoan a boa nova. 13 Foxen os xefes do exército, foxen; e mentres vós descansades nos pasteiros, as mulleres da casa reparten o botín: 14 pombas de ás de prata, plumas de ouro brillante. 15 Mentres o Todopoderoso dispersa alí ós reis, cae a neve no Salmón. 16 Montañas altas, montañas de Baxán, montañas esgrevias, montañas de Baxán, 17 por que, montañas esgrevias, ollades con envexa o monte que Deus elixiu para a súa morada? O Señor habitará por sempre nel! 18 Os carros de Deus son miles de milleiros, o Señor vén neles do Sinaí ó santuario. 19 Subiches á altura e levaches cativos, colliches tributo en homes, tamén homes rebeldes, para a túa morada, Señor Deus. 20 Bendito sexa o Señor, cada día: Deus, o noso salvador, coida de nós, 21 Deus é para nós un Deus que salva, no Señor Deus temos escape da morte. 22 Deus esmagalles a cabeza ós inimigos, o cranio ós que camiñan na maldade. 23 O Señor di: —"Traereinos de Baxán, traereinos do profundo do mar, 24 para que tingas os pes no sangue do inimigo, e a lingua dos teus cans teña tamén a súa parte". 25 Vense, Deus, ás túas procesións, as procesións do meu Deus, do meu rei, no santuario. 26 Diante van os cantores, detrás os que tocan as arpas, no medio as doncelas, tocando pandeiros. 27 Bendicide a Deus en coros, ó Señor desde a orixe de Israel. 28 Alí dirixe Benxamín, o máis novo, os xefes de Xudá coas súas tropas, os xefes de Zebulón e de Naftalí. 29 Desprega, Deus, o teu poder, o poder que despregas por nós, 30 e ó teu templo de Xerusalén traeranche presentes os reis. 31 Ameaza á fera do canaval, á tropa de touros e xovencos das nacións. Que se sometan, pagándoche tributo, dispersa os pobos guerreiros. 32 Que veñan os magnates de Exipto e que Etiopía estenda cara a Deus as súas mans. 33 Loade a Deus, reinos da terra, cantade salmos ó Señor, 34 o que cabalga polos ceos, polos ceos antigos, o que lanza a súa voz, a súa voz potente. 35 Recoñecédelle a Deus o poder a súa maxestade brilla en Israel, e sobre as nubes o seu poder. 36 Desde o seu santuario Deus móstrase terrible: o Deus de Israel é quen lle dá forza e vigor ó seu pobo. Bendito sexa Deus! |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)