Salmos 66 - Biblia SEPT(65) Aclama a Deus, terra enteira 1 Do mestre do coro, cántiga, salmo. 1 Do mestre do coro, cántiga, salmo. Aclama a Deus, terra enteira, 2 canta a gloria do seu nome; réndelle o honor da loanza, 3 dille: Que sorprendentes son as túas obras! polo teu moito poder adúlante os teus inimigos, 4 póstrase a terra toda ante ti e canta salmos ó teu nome. 5 Vinde e vede as obras do Señor, os seus sorprendentes feitos entre os homes. 6 El mudou o mar en terra seca e pasaron o río a pé: felicitémonos por iso. 7 Co seu poder domina o mundo, cos seus ollos observa as xentes: que non ensoberbezan os rebeldes. 8 Bendicide, nacións, o noso Deus, facede resoar a súa loanza: 9 El salva as nosas vidas e non deixa cambalear os nosos pés. 10 Mais ti, Deus, puxéchesnos á proba, refináchesnos como a prata no crisol, 11 fixéchesnos caer na trampa, puxéchesnos ó lombo unha carga. 12 Deixaches pasar as xentes por riba das nosas cabezas; pasamos por lume e auga, pero logo déchesnos respiro. 13 Eu irei á túa casa con ofrendas, cumprireiche os votos 14 que pronunciaron os meus labios, que prometeu a miña boca na aflición. 15 Ofrecereiche sacrificios de grosos animais, fume recendente de carneiros, inmolareiche bois e cabritos. 16 Vide os que temedes o Señor, e contareivos o que El fixo por min. 17 Chameino coa miña boca e loeino coa miña lingua. 18 Se eu tivese maldade no corazón, non me escoitaría o Señor. 19 Pero Deus escoitoume, atendeu a miña súplica. 20 Bendito sexa Deus, que non desbotou a miña súplica nin afastou de min o seu amor. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)