Salmos 57 - Biblia SEPT(56) Namentres pasa a aflición 1 Do mestre do coro, segundo "Non destrúas". Poema de David. Na caverna, fuxindo de Xaúl 2 Apiádate, Deus, apiádate de min, pois en ti busco agarimo; busco agarimo á sombra das túas ás, namentres pasa a aflición. 3 Eu invoco ó Deus Altísimo, o Deus que cumpre comigo. 4 Desde o ceo mandarame a salvación, confundirá ós que me oprimen, mandará o seu amor e a súa verdade. 5 Teño que morar entre leóns, que devoran ós homes. Os seus dentes son lanzas e frechas, as súas linguas coitelos afiados. 6 Érguete, Deus, sobre o ceo, enche a terra da túa gloria. 7 Tenden redes ó meu paso, para abater a miña vida; abren unha cova diante de min, e nela caerán eles mesmos. 8 O meu corazón, Deus, está firme, o meu corazón está firme: quero cantar e tocar salmos. 9 Espertade, miñas entrañas, espertade, arpa e cítola: quero espertar coa aurora. 10 Heite loar, Señor, diante dos pobos, cantareiche entre as nacións. 11 O teu amor alcanza ata o ceo, a túa fidelidade, ata as nubes. 12 Érguete, Deus, por riba do ceo, enche a terra da túa gloria. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)