Salmos 53 - Biblia SEPT(52) Non hai quen faga o ben 1 Do mestre do coro, segundo Mahalat. Poema de David. 2 Pensan os parvos para si: —"Deus non está". Corrompidos, de conduta abominable: non hai quen faga o ben. 3 Deus observa os homes desde o ceo, para ver se hai algún asisado, algún que pregunte por Deus. 4 Andan todos desviados, por xunto corrompidos. Non hai quen faga o ben, non hai sequera un. 5 É que non aprenderán os malfeitores? Engolen o meu pobo coma pan, sen preguntaren por Deus. 6 Alá van tremendo de medo, cando non había razón para temer. Deus esparexe os ósos dos traidores; e eles avergónzanse de ti porque Deus os rexeita. 7 Quen lle traerá de Sión a salvación a Israel? Cando vire o Señor a sorte do seu pobo, exultará Xacob, alegrarase Israel. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)