Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Salmos 51 - Biblia SEPT


(50) Miserere

1 Do mestre do coro. De David.

2 Cando o veu ver Natán o profeta, despois de se ter xuntado David con Batxeba.

3 Apiádate de min, meu Deus, pola túa bondade, pola túa misericordia, borra o meu pecado;

4 lávame ben da miña iniquidade, límpame da miña culpa.

5 Eu recoñezo o meu pecado e teño sempre presente a miña culpa.

6 Contra ti, contra ti mesmo, eu pequei e fixen o que é malo ós teus ollos: por iso será xusta a túa sentencia e aparecerá recto o teu xuízo.

7 Si, eu nacín no pecado, no mal concibiume miña nai;

8 e ti amas a verdade no corazón e no íntimo ensínasme sabedoría.

9 Purifícame co hisopo, e serei limpo, lávame ti, e quedarei branco coma a neve.

10 Faime sentir o gozo e a ledicia, que relouquen os meus ósos quebrantados.

11 Arreda do meu pecado a túa vista e borra as miñas culpas.

12 Crea, Deus, en min un corazón puro, renóvame por dentro cun espírito firme.

13 Non me botes da túa presenza e non tires de min o teu santo espírito.

14 Devólveme a alegría da túa salvación, sostenme co espírito xeneroso.

15 Ensinarei o teu camiño ós pecadores e volverán a ti os descarreirados.

16 Líbrame dos delitos de sangue, Señor, meu Deus e salvador, e a miña lingua contará a túa xustiza.

17 Abre, Señor, os meus labios, e a miña lingua pregoará a túa loanza.

18 Con sacrificios ti non te compraces, se che ofrezo holocaustos, non os aceptarás:

19 O meu sacrificio, Deus, será o espírito contrito: o corazón contrito e humilde ti, Deus, non o desprezas.

20 Faille ben a Sión, pola túa bondade, restaura os muros de Xerusalén.

21 Entón aceptarás os sacrificios puros, inmolaranse xovencos nos teus altares.

Lean sinn:



Sanasan