Salmos 49 - Biblia SEPT(48) O porvir dos satisfeitos 1 Do mestre do coro. Salmo dos coreítas. 2 Oíde isto, pobos todos, escoitade, habitantes do mundo, 3 o mesmo os humildes cós nobres, os ricos e mais os pobres. 4 Vou falar con sabedoría, matinar con intelixencia. 5 Abrirei o oído á sentencia, exporei o encuberto ó son da lira. 6 Por que hei ter medo da desgraza, do mal con que me rodean os meus perseguidores? 7 Dos que confían na riqueza e se glorían da súa fartura, 8 ninguén pode librarse nin pagar a Deus o seu rescate. 9 O prezo das súas vidas é cara por demais, está para sempre fóra do seu alcance: 10 non poderán vivir eternamente sen pasaren pola morte. 11 Vese que morre o sabio e que igualmente perecen o parvo e mais o insensato. 12 O sartego será a súa casa para sempre, a súa morada perpetua, por máis que desen ás terras os seus nomes. 13 O home non dura na opulencia, perece coma os animais. 14 Este é o camiño dos parvos e o porvir dos satisfeitos. 15 Coma ovellas caen no abismo, o seu pastor é a morte: cedo van aló dereitos. A súa figura desfaise, a súa morada é o abismo. 16 Mais Deus rescatará a miña vida do poder do abismo: El hame recoller. 17 Non desacougues se alguén se enriquece e aumenta os bens da súa casa, 18 pois nada levará consigo cando morra nin a súa riqueza irá tras el. 19 Aínda que en vida se gabe: —"Admiran o ben que vives", 20 irá xuntarse con seus pais, que endexamais non verán a luz. 21 O home na opulencia non reflexiona, é coma os animais que perecen. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)