Salmos 44 - Biblia SEPT(43) Érguete e redímenos 1 Do mestre do coro. Poema dos coreítas. 2 Nós mesmos, Deus, oímolo, e nosos pais nolo contaron: a obra que fixeches nos seus días, nas idades remotas. 3 Coa túa propia man desherdaches xente, para establecelos, destruíches nacións, para estendelos. 4 Non adquiriron o país coa súa espada, nin foi o seu brazo quen lles deu a vitoria, senón a túa dereita e o teu brazo e a luz da túa presenza, porque os amabas. 5 Es ti, meu Deus e meu rei, quen lle dá a vitoria a Xacob. 6 Contigo rexeitamos os nosos agresores, no teu nome calcamos nos nosos adversarios. 7 Non é no meu arco en quen confío nin é a miña espada a que me dá a vitoria. 8 Ti es quen nos libra dos que nos aldraxan, quen confundes os que nos odian. 9 En Deus está a nosa gloria, no seu nome, a nosa gabanza. 10 Mais agora rexéitasnos, exposnos á vergonza, non saes cos nosos exércitos á guerra. 11 Déixasnos recuar diante dos inimigos, espóliannos os nosos agresores. 12 Entrégasnos, coma res de matadoiro, espállasnos entre todas as xentes. 13 Vendes sen prezo ó teu pobo, sen gañar na súa venda. 14 Fas de nós o riso dos veciños, a burla e o escarnio do arredor. 15 Fas de nós a rexouba das xentes e o aceno burlón dos demais pobos. 16 A deshonra está todo o día ante min, cóbreme a cara a vergonza 17 cando escoito ós que insultan e aldraxan, cando vexo inimigos e adversarios. 18 E todo isto pasounos sen te esquecermos, sen violarmos a túa alianza, 19 sen volver atrás o noso corazón, nin desviar os pés do teu camiño. 20 Ti botáchesnos ós chacais, cubríchesnos de tebras. 21 Se esquecésemos o noso Deus, ou erguésemos as mans a un deus alleo, 22 non o ía Deus descubrir, El, que coñece os íntimos segredos? 23 Pola túa culpa somos decote degolados, tratados coma res de matadoiro. 24 Esperta, por que estás, Señor, durmido? Érguete. Non nos rexeites para sempre. 25 Por que escondes a túa cara, esqueces a nosa miseria e opresión? 26 O noso alento está prostrado no po, o noso ventre polo chan. 27 Érguete na nosa axuda, redímenos, pola túa misericordia. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)