Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Salmos 42 - Biblia SEPT


(41) A miña alma ten sede

1 Do mestre do coro. Poema dos coreítas.

2 Como devece a cerva pola auga dos regatos, así devece por ti, meu Deus, a miña alma.

3 A miña alma ten sede do Deus vivo: cando verei o rostro de Deus?

4 As miñas bágoas son, día e noite, o meu pan, mentres decote me din: —"Onde está o teu Deus?".

5 Cando diso me lembro, desafoga comigo a miña alma: —"Eu marchaba á fronte do pobo cara á casa de Deus, entre voces de xúbilo e loanza de xentío en festa".

6 Por que desacougas, miña alma, e por que andas inqueda? Volverei aínda a loalo: a miña salvación, o meu Deus.

7 A miña alma esmorece, e por iso lémbrome de ti, desde o Xordán, o Hermón e o Misar.

8 Un abismo chama a outro con voces de cachoeira; as túas cristas e as túas ondas pasan por riba de min.

9 Polo día outorga o Señor a súa axuda, pola noite cántolle ó Deus da miña vida.

10 Direille: —"Miña rocha, por que te esqueces de min? Por que terei que andar penando, asoballado polo inimigo?".

11 Québranseme os ósos polas burlas dos opresores, que decote me din: —"Onde está o teu Deus?".

12 Por que desacougas, miña alma, e por que andas inqueda? Espera en Deus. Volverei aínda a loalo: a miña salvación, o meu Deus.

Lean sinn:



Sanasan