Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Salmos 41 - Biblia SEPT


(40) Conforto na enfermidade

1 Do mestre do coro. Salmo de David.

2 Feliz quen coida do coitado: no día da calamidade librarao o Señor.

3 O Señor gardarao, conservaralle a vida, farao feliz sobre a terra e non o entregará ó capricho do inimigo.

4 O Señor socorrerao no leito da dor, aliviarao na súa enfermidade.

5 Eu digo: —"Señor, ten compaixón de min, sándame, que teño pecado contra ti".

6 Os meus inimigos agóiranme o peor: —"A ver se morre e se perde o seu nome".

7 Se algún me vén ver, finxe, garda nos adentros cousas de malicia, para pregoalas ó saír.

8 Os meus inimigos xúntanse para murmuraren de min, e apóñenme o mal que padezo:

9 —"Unha peste maligna caeu sobre el; deitouse para non se erguer nunca máis".

10 Mesmo o amigo en quen confiaba, que comía do meu pan, levanta o seu pé contra min.

11 Pero ti, Señor, ten compaixón de min e ponme en pé, para que poida pagarlles.

12 Nisto saberei que teño o teu favor: que o meu inimigo non cante vitoria sobre min.

13 Se eu estou san, é que ti me sostés e mantesme sempre diante de ti.

14 Bendito sexa o Señor, Deus de Israel, desde sempre e para sempre. Amén. Amén.

Lean sinn:



Sanasan