Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Salmos 40 - Biblia SEPT


(39) Non escondo a túa xustiza

1 Do mestre do coro. Salmo de David.

2 Esperar, eu espero no Señor: El vólvese para min e escoita o meu lamento.

3 Tírame do pozo burbullante, da poza lamacenta; ergue os meus pés sobre a rocha e afirma os meus pasos.

4 Ponme na boca un cantar novo, loanza do noso Deus. O velo, moitos temerán e confiarán no Señor.

5 Feliz o que pon no Señor a esperanza e non acode ós arrogantes, que se extravían no engano.

6 Grandes cousas fas, Señor, meu Deus; nos teus proxectos sobre nós ninguén se che semella. Se quixese referilos e pregoalos, excederían toda conta.

7 Ti non queres sacrificios e ofrendas —sobre iso abríchesme o oído—, non pides holocaustos nin vítimas expiatorias.

8 Entón digo: —"Aquí veño co libro escrito para min".

9 Facer a túa vontade, meu Deus, é o que eu quero; a túa lei está no fondo de min mesmo.

10 Proclamo a túa salvación na asemblea, non pecho os meus labios: ben o sabes, Señor.

11 Non escondo no peito a túa xustiza, anuncio a túa fidelidade e o teu auxilio. Non encubro o teu amor e a túa verdade diante da gran asemblea.

12 E ti, Señor, non me cerres as entrañas; que me garden sempre o teu amor e verdade, pois males sen conto me rodean, atrápanme as miñas culpas, xa non podo nin ver.

13 Son máis numerosas cós pelos da cabeza, e fáltame o alento.

14 Ten a ben, Señor, salvarme, corre, Señor, a axudarme.

15 Que se vexan confusos e corridos os que me perseguen á morte; que volvan para atrás, avergonzados, os que buscan a miña ruína;

16 que enmudezan de vergonza os que se rin de min.

17 Alégrense e folguen contigo todos os que te buscan; que poidan sempre dicir os que arelan a túa salvación: —"Exaltado sexa o Señor".

18 Eu son humilde e pobre, pero o Señor coida de min. Ti es a miña rocha, o meu liberador: meu Deus, non te demores.

Lean sinn:



Sanasan