Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Salmos 37 - Biblia SEPT


(36) Hai un porvir para os xustos
1 De David.

1 De David. Non te alporices por cousa dos malvados, nin envexes os malfeitores,

2 pois axiña secan, coma feo, murchan, coma a herba.

3 Confía no Señor e fai o ben, vive na terra, practicando a lealdade;

4 pon as delicias no Señor: El darache o que arela o teu corazón.

5 Encomenda ó Señor o teu porvir e confía nel, que El fará:

6 El fará saír a túa xustiza coma a luz, o teu dereito coma o sol do mediodía.

7 Descansa no Señor e espera nel, non te irrites polos que triúnfan e polos que manexan a intriga.

8 Calma a ira, reprime o noxo, non te irrites: poderías facer mal.

9 Os malvados serán certamente destruídos, mais os que esperan no Señor posuirán a terra.

10 Un pouco aínda: xa os impíos non existen, fíxate no seu lugar: xa non están;

11 os humildes, en cambio, herdan a terra e gozan de paz perfecta.

12 O malvado trama o mal contra os xustos e renxe os dentes contra eles;

13 pero o Señor ri das súas contas, vendo que lles chega o seu día.

14 Os impíos desenvaíñan as espadas, tensan os seus arcos, para abater os pobres e os humildes, para lles dar a morte ós honrados,

15 Pero a súa propia espada lles atravesará o corazón e hanse quebrar os seus arcos.

16 Vale máis a migalla dos xustos cá opulencia dos malvados,

17 pois ós malvados rómpenlles os brazos, pero os xustos sostenos o Señor.

18 O Señor coida da sorte dos honrados, a súa herdade é duradeira.

19 No tempo da desgraza non quedarán defraudados, nos días de fame han ter fartura.

20 Perecerán en troques os malvados, murcharán os inimigos do Señor coma o verde dos prados, han esvaecer coma o fume.

21 O malvado pide prestado e non devolve, mais o xusto apiádase e fai dons.

22 Aqueles que El bendiga posuirán a terra, os que El maldiga serán exterminados.

23 O Señor asegura os pasos do home que co seu camiño o comprace.

24 Non quedará por terra, aínda que caia, pois o Señor teno da man.

25 Fun mozo e agora vou vello, e nunca vin un xusto abandonado, nin os seus fillos pedindo pan.

26 Apiádase sempre e presta, e a súa descendencia é loada.

27 Fuxe do mal e fai o ben, e terás casa duradeira;

28 porque o Señor ama a xustiza e non abandona os seus fieis. Estes perdurarán, mentres a caste dos malvados é arrincada.

29 Os xustos herdarán a terra e habitarán nela para sempre.

30 A boca do xusto deita sabedoría, a súa lingua fala o que é recto.

31 Leva no corazón a lei de Deus, e os seus pasos non tremelan.

32 O malvado axexa ó xusto, buscando darlle morte.

33 Pero o Señor non o deixa da súa man nin permite que o condenen no xuízo.

34 Confía no Señor e garda o seu camiño: el levarate á posesión da terra e a ver o exterminio dos malvados.

35 Vin o malvado fachendear, crecer coma o cedro frondoso;

36 pasei de novo e xa non estaba, busqueino e non o atopei.

37 Garda a inocencia e gusta do dereito, pois para a xente de paz hai posteridade,

38 mentres os pecadores serán dun golpe exterminados, a posteridade dos malvados extinguida.

39 A salvación dos xustos vén do Señor: El é o seu refuxio no tempo da angustia.

40 O Señor axúdaos e líbraos, líbraos dos malvados e presérvaos, porque se acollen a El.

Lean sinn:



Sanasan