Salmos 36 - Biblia SEPT(35) Vinganza e providencia 1 Do mestre do coro. De David, servo do Señor. 2 Unha sentencia de culpa contra o impío levo no corazón. O temor de Deus non conta ós seus ollos, 3 gábanse de non atopar en si maldade que aborrecer. 4 Os ditos da súa boca son malignos e falsos, deixou de entender e de facer o ben. 5 No seu leito remoe na maldade, teima no mal camiño, non ten repugnancia do mal. 6 A túa misericordia, Señor, alcanza o ceo, a túa fidelidade chega ás nubes. 7 A túa xustiza é alta coma os montes, os teus xuízos son fondos coma o mar. Ti, Señor, socorres a homes e animais. 8 Que precioso, Deus, é o teu amor! Os humanos acóllense á sombra das túas ás, 9 fártanse coa abundancia da túa casa. Ti dáslles a beber do río das túas delicias, 10 pois está en ti a fonte da vida, e a túa luz fai que vexamos nós a luz. 11 Alonga o teu favor ós que te recoñecen, a túa providencia ós rectos de corazón. 12 Que os pés do soberbio non me atrapen, que non me mova a man do impío. 13 Alá caen xa os malfeitores, e, caídos, non poden máis erguerse. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)